
O máximo mandatario galego, Emilio Pérez Touriño, mantivo un xantar de traballo co presidente de Fadesa, Fernando Martín, durante o cal o novo responsable da compañía expresou a vontade de colaboración da empresa co Goberno de Galicia e o seu compromiso con Galicia. Así, Martín manifestou ante Pérez Touriño que a sede social da compañía que preside permanecerá na Coruña e que proseguirá a colaboración que mantén con diversas entidades sociais, culturais e académicas da Comunidade Autónoma.
A xuntanza mantida entre Pérez Touriño e Fernando Martín e a primeira de carácter institucional que ambos os dous teñen desde que o segundo asumiu, o pasado día 15 de marzo, a Presidencia de Fadesa. A través desta xuntanza, o novo presidente de Fadesa quixo ratificar a vontade de estreitar lazos de cooperación co Goberno galego e manifestar ao presidente da Xunta os plans que posúe para a nova etapa da sociedade e os asuntos relativos ao potenciamento dos seus investimentos en Galicia, no marco do proceso de continuidade no desenvolvemento das operacións da compañía na Comunidade Autónoma.
Satisfacción do presidente da Xunta
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, valorou a boa disposición de Martín e o compromiso claro e expreso de Fadesa con Galicia nesta nova etapa que inicia a compañía. O titular da Xunta destacou o significado que Fadesa posúe para Galicia e aplaudiu o feito de que se manteña a galeguización da empresa, á que cualificou de buque insignia do sector inmobiliario galego. Neste sentido, o máximo mandatario galego referiuse ao potencial desta empresa e a súa contribución ao desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma e pediu a Martín que siga potenciando o perfil e a singularidade propias desta empresa, ao tempo que lle desexou o mellor dos éxitos nesta etapa que comeza.
Por último, o presidente da Xunta manifestou a intención do Goberno que preside por continuar traballando para facer de Galicia unha terra atractiva para xerar investimento e crear actividade económica e postos de traballo por parte das empresas.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.