
O programa Curtas 06 recibe un pulo importante ao participar por primeira vez na Mostra Latinoamericana de Lleida. Dúas curtametraxes incluídas no seu catálogo, Botellón e O castigo, serán proxectadas durante o festival na sección Novas Propostas, na que xa ven sendo habitual a colaboración de distintos organismos, como a ESCAC, a ECAM e Kimuak. Institucións que, como o Consorcio Audiovisual de Galicia, promoven o fomento da curtametraxe e documental a nivel nacional e internacional. Esta participación do programa Curtas de promoción da curtametraxe galega na Mostra ven propiciada pola participación de Juan Ferrer, director da Mostra, nos Encontros co cine galego Galicia Terra de Cine.
Outro dos traballos seleccionados para a competición oficial é o documental Exilios, que a produtora Acuarela Comunicación deu a coñecer no transcurso destes encontros.
Ademais, unha das producións beneficiarias na primeira convocatoria das axudas do programa de coprodución Raíces, Abrígate competirá na sección oficial a concurso. A película está producida por Continental, Oberón Cinematográfica e Patagonik e tamén conta coa colaboración da TVG. A participación desta película na Mostra de Lleida constitúe a preestrea do filme, ópera prima do director galego Ramón Costafreda.
Por último, outra produción galega que estará presente en Lleida será Concursante, recentemente estreada nas pantallas a nivel nacional, e que será apoiada pola presenza dun dos seus protagonistas Leonardo Sbaraglia.
Continúase deste xeito, o labor do Consorcio Audiovisual de Galicia para promocionar o audiovisual galego en citas tan importantes como o recente Festival de Málaga, onde dúas das catro películas con produción galega foron premiadas. Este foi o caso do filme El menor de los males que obtivo premios ao mellor guión, mellor actriz de reparto e mellor vestiario; e da película Concursante, que recibía o premio da crítica e o premio á mellor fotografía.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.