Notas de prensa

A competitividade da economía galega pasa por aproveitar a presenza de emprendedores na emigración

O secretario xeral de Emigración participa na inauguración do Congreso Técnico Empresarial “O futuro dos emprendedores galegos no exterior” que ten lugar en Montevideo.

O secretario xeral de Emigración e presidente da Fundación Galicia Emigración, Manuel Luís Rodríguez, sinalou, durante a inauguración do I Congreso Técnico Empresarial “O futuro dos emprendedores galegos no exterior” que se desenvolve en Montevideo, que as iniciativas de cooperación empresarial resultan estratéxicas para a competitividade da economía dun país, e por iso é imprescindible “aproveitar a presenza de emprendedores galegos en todo o mundo”, obxectivo ao que responde o Congreso e a posta en marcha, co gallo do mesmo, da rede de empresarios galegos no exterior (Gaer).

A consolidación económica pasa por desenvolver “un tecido empresarial forte, dinámico, emprendedor e innovador, e baixo ese principio, a Fundación Galicia Emigración, organizadora do Congreso, está a dirixir os seus esforzos a “avaliar e poñer en valor as potencialidades dos emprendedores galegos do exterior, e que tanto teñen contribuído ao progreso do país”, subliñou o secretario xeral.

Rodríguez, que participou na inauguración do Congreso xunto co ministro de Exteriores da República Oriental do Uruguai, Reinaldo Gargano, e o conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, Ricardo Varela, fixo fincapé en que é preciso impulsar “o asociacionismo empresarial no exterior, facer visible a cultura emprendedora na emigración e compartir proxectos comúns entre a Galicia territorial e a Galicia exterior”.

A coordinación entre as dúas dimensións de Galicia “é posible, e o fluxo de información, negocios e inversións é imprescindible para que esta Galicia moderna se converta en cabeza de ponte entre España, a Unión Europea e os Países Iberoamericanos a través dunha frutífera política de intercambios”.

O Congreso empresarial, engadiu o secretario xeral, responde aos obxectivos de aproveitar a importante presenza galega no mundo para establecer mecanismos de mutuo recoñecemento e cooperación, que permitan a realización de negocios que redunden no crecemento das empresas e os emprendedores galegos. Mais tamén persegue resaltar “a relevancia do empresariado galego no exterior e trasladarlle un coñecemento real de Galicia”.

O fomento do asociacionismo empresarial no exterior; a posta en común de intereses e métodos de traballo; o incremento da colaboración entre empresarios e inversores galegos no mundo; a eliminación das posibles barreiras e a consolidación dunha rede de colaboración e coñecemento mutuo completan os obxectivos deste Congreso.

Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia, 2007-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES