
Dentro do Plan de Promoción, o Consorcio Audiovisual de Galicia convoca por quinto ano consecutivo as bolsas de estudo para a ampliación ou o perfeccionamento destinadas a profesionais do eido audiovisual.
O programa de bolsas do Consorcio Audiovisual de Galicia, que se vén convocando desde hai cinco anos, ten por obxectivo fomentar a formación, co fin de favorecer o desenvolvemento e a consolidación dos profesionais do sector audiovisual galego.
O anuncio desta resolución publicouse o martes, 20 de marzo, no número 56 do Diario Oficial de Galicia, polo que o prazo de presentación de solicitudes remata o xoves, 19 de abril, de 2007.
As actividades formativas, que se poden realizar en centros de España ou do estranxeiro, deberán rematar dentro do primeiro trimestre de 2008, aceptándose aquelas que comezaran no último cuadrimestre de 2006. Quedan excluídos os cursos on-line e os destinados á obtención dunha licenciatura, diplomatura ou título de doutoramento. Tampouco se poderá conceder máis dunha axuda por solicitante.
A selección dos beneficiarios realizarase a través dunha Comisión que poñerá especial atención naquelas actividades que pola súa novidade e interese estratéxico repercutan máis positivamente no conxunto do audiovisual galego. A Comisión valora, ademais, a traxectoria académica e/ou profesional do solicitante, o recoñecemento tanto no Estado como no estranxeiro do centro de estudos e a memoria na que cada solicitante xustifica a súa solicitude indicando os obxectivos previstos coa realización do curso ou actividade formativa.
No 2003 o importe destinado ás bolsas foi de 18.000 , cifra que se incrementou nas edicións posteriores ata os 30.000 actuais, o que permite cubrir, ademais do importe da matrícula, outros gastos relacionados co desprazamento e a estancia dos bolseiros ás cidades onde realizan a actividade pola que lle foi concedida a bolsa.
As actividades formativas apoiadas ata o de agora contemplaron diversos aspectos do audiovisual: masters en artes dixitais ou de escritura de documentais, programas de dirección de empresas audiovisuais, cursos de guionistas, de especialización en comunicación audiovisual, de animación, de dirección cinematográfica, de realización e produción de vídeo, cine e televisión, de formación actoral, de xestión audiovisual, de son e cámaras, etc. Estas actividades foron realizadas en centros de recoñecido prestixio como a ESCAC - Escola Superior de Cinema y Audiovisuais de Cataluña; a Universidade Pompeu Fabra de Barcelona; a Escola Internacional de Cine e Televisión de San Antonio de los Baños en Cuba; a Media Business School; a New York Film Academy; o Estudio Internacional do Actor Juan Carlos Corazza en Madrid; a Asian Academy of Film & Television en Nova Delhi ou o INA - Instituto Nacional do Audiovisual en Francia.
Dende a primeira convocatoria das bolsas, no ano 2003, o Consorcio Audiovisual de Galicia recibiu 153 solicitudes e foron apoiadas 65 actividades formativas.
O interese amosado dende diferentes puntos, a resposta cada vez máis numerosa á convocatoria e os importantes resultados obtidos polos beneficiarios das anteriores edicións contribúen a consolidar o futuro deste programa, pioneiro en España, e que consolida unha vez máis o audiovisual galego como un referente a nivel nacional e internacional.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.