
O Consello de Administración de Parque Tecnológico de Galicia, S.A. deulle luz verde a dúas novas incorporacións ao viveiro de empresas da entidade no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. A empresa Excelia instalará alí o seu Centro de
Desenvolvemento de Software Software Factory Dynamics- e o Centro Tecnolóxico AIMEN unha Delegación Técnica. Cada unha delas ocupará un niño de cen metros cadrados e ambas as dúas teñen pensado colaborar coa Universidade no desenvolvemento da súa actividade.
O máximo órgano de dirección de Parque Tecnológico de Galicia, S.A. aprobou tamén a realización dun anteproxecto para instalar no recinto unha gardería, un restaurante e un ximnasio co obxectivo de darlles servizo ás empresas que operan na Tecnópole. Ante a dimensión que está a acadar o Parque Tecnolóxico e á vista das previsións de crecemento, a xerencia da entidade propúxolles
aos membros do Consello de Administración realizar un proxecto para a construción dun edificio no contorno do edificio institucional para albergar estes servizos, suxeridos por algunhas das empresas alí instaladas.
A cúpula do Parque Tecnolóxico de Galicia tamén lle deu luz verde ao plan financeiro para o exercicio 2007, que confirma o aumento da súa autonomía en máis dun 25 por 100. Presentouse tamén a memoria de contas anuais e o informe de auditoría que mostra, un ano máis, a conformidade de Parque Tecnológico de Galicia, S.A. cos principios e normas contables.
A redución de custos e a xeración de máis recursos propios a partir de servizos e proxectos permitirán iniciar unha tendencia que continuará en exercicios futuros na que se irá reducindo a dependencia das subvencións públicas.
Os membros do Consello foron informados ademais sobre a certificación de calidade obtida pola entidade en recoñecemento á excelencia dos seus procedementos hai só uns días e que lle será entregada oficialmente nas vindeiras semanas. Ademais, aprobaron a instalación do seguidor solar máis avanzado do mercado no futuro Centro Experimental de Enerxías Renovables da Tecnópole, que se porá en marcha en xuño deste ano.
Novas incorporacións
O Centro de Desenvolvemento de Software Software Factory Dynamics- da empresa Excelia está pensado para darlles cobertura ás delegacións da empresa en Valencia, Madrid e Ourense no desenvolvemento de solucións sectoriais sobre a plataforma Microsoft e de novos produtos cun alto contido en Internet, entre outros.
Pola súa banda, AIMEN instala unha delegación técnica na Tecnópole co obxectivo de darlles soporte en I+D+i ás empresas relacionadas co sector metalúrxico situadas nese mesmo recinto e nas zonas industriais limítrofes, ademais de funcionar como un elemento dinamizador e polo de atracción para a implantación de novas empresas e a modernización tecnolóxica das existentes.
Ademais, concedéuselle á empresa T-Solar Global, que ten previsto construír no Parque Tecnolóxico a primeira fábrica de gran tamaño industrial para producir paneis solares de lámina delgada en toda a Unión Europea, unha oficina no edificio CEI (edificio central da Tecnópole) para coordinar o arranque das súas actividades e as obras na parcela de 28.500 m2 que lle foi concedida no anterior Consello de Administración.
Seguidor solar
O seguidor solar que esta mañá se aprobou instalar no futuro Centro Experimental de Enerxías Renovables permite optimizar o rendemento dos paneis solares xirándoos de xeito automático cara o sol. O director xeral de I+D da Xunta, Salustiano Mato de la Iglesia, presentou o proxecto ao Consello de Administración do Parque Tecnolóxico.
O Centro Experimental de Enerxías Renovables, que se atopa neste momento na fase de construción, terá así o sistema máis avanzado de produción de electricidade a partir de enerxía solar. Ademais de detectar o movemento do sol e facer xirar automaticamente os paneis para aproveitar ao máximo os seus raios, o sistema soporta unha superficie de módulos inédita no mercado.
Certificación de calidade
Os membros do Consello de Administración foron informados tamén da concesión da certificación de calidade a Parque Tecnológico de Galicia, S.A., que foi notificada hai tan só uns días. Trátase dun recoñecemento á excelencia dos seus procedementos e, ao mesmo tempo, a esixencia regulada de que seguirá cumprindo os estándares ao longo do tempo. A través desta certificación
Parque Tecnológico de Galicia, S.A. demostra ter correctamente identificados cales son os procesos necesarios para asegurar que os seus servizos sexan conformes cos requisitos dos clientes e, por suposto, cumprilos.
A concesión deste certificado foille comunicada a semana pasada a Parque Tecnológico de Galicia, S.A. pola axencia DNV e implica a implantación do Sistema de Xestión da Calidade estipulado pola norma UNE-EN ISO 9001:2000.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.