
Emilio Pérez Touriño, titular do Executivo autonómico, inaugurou en Salvador de Bahia (noite en Galicia) a exposición Galicia, o sorriso de Daniel promovida polo Consello da Cultura Galega e que pretende dar a coñecer a realidade de Galicia e mostrar a diversidade actual da Comunidade Autónoma. A mostra, de carácter visual, debe o seu nome, dunha banda, ao profeta Daniel do Pórtico da Gloria e, da outra, a Daniel Rodríguez Castelao, tal e como lembrou o presidente da Xunta na inauguración da exposición. Paralelamente, Pérez Touriño puxo de manifesto a vontade de Galicia de abrirse ao mundo e de dar a coñecer o seu vasto patrimonio cultural. Touriño recoñeceu que, precisamente, os mellores momentos da historia de Galicia coinciden cos momentos nos que tamén é maior a súa apertura ao mundo.
Deste xeito, a alusión da exposición ao profeta Daniel pon de relevancia unha época na que a Galicia gozou de grande importancia no contexto europeo, cando miles de peregrinos atravesaban Europa para acudir ata o lugar onde a tradición indica que descansan os restos do Apóstolo Santiago. Por outra banda, a figura de Daniel Rodríguez Castelao encarna, tal e como sinalou Pérez Touriño, a toda unha xeración de galegos que, xa no século XX, soubo redescubrirlle a Galicia a súa identidade cultural desde presupostos modernos e universalistas.
Entre o profeta Daniel do Pórtico da Gloria e esoutro profeta da Galicia moderna que foi Daniel Rodríguez Castelao esténdense varios séculos de historia nos que Galicia se foi conformando como un país singular, con personalidade propia, que desenvolveu unha cultura diferenciada, dixo tamén o presidente da Xunta.
A Galicia actual
Precisamente, esta cultura diferenciada é a que se achega agora ao público de Salvador de Bahia en mostra de exposición. A Galicia que descubrirán nesta exposición manifestou o máximo mandatario galego- ten uns evidentes vínculos históricos, lingüísticos e culturais con Portugal. Pero o presidente da Xunta foi máis alá e indicou que Galicia tamén exerceu como ponte entre España e América Latina, pois foron millóns os galegos que deixaron os seus fogares para vir a terras americanas a gañar a vida e a contribuír ao crecemento deste gran continente.
A exposición hoxe inaugurada por Touriño é unha mostra da nova realidade de Galicia, un territorio punteiro en sectores como a moda, a acuicultura, a produción audiovisual ou a industria da pedra, en verbas do propio presidente da Xunta. O Goberno galego está facendo importantes investimentos en investigación e desenvolvemento, en educación e na internacionalización das nosas empresas e da nosa economía. Esa Galicia aparece tamén reflectida nesta exposición, apostilou Touriño.
Cidade da Cultura
Finalmente, Emilio Pérez Touriño amosou novamente a súa seguridade de que a realidade de Latinoamérica vai ocupar un destacadísimo lugar nos programas e nas orientacións da Cidade da Cultura de Galicia e que este gran centro cultural servirá para impulsar as relacións e a colaboración entre Europa e Latinoamérica no eido cultural, entre o mundo hispánico e a Lusofonía.
Touriño dixo que son moitas as posibilidades de colaboración entre Brasil e Galicia que abrirá a Cidade da Cultura especialmente no campo da creación cultural e do debate social. Segundo argumentou, tanto os brasileiros como os galegos son pobos moi conscientes do valor da diversidade e a Cidade da Cultura de Galicia vai ser un firme bastión da diversidade, que é tanto como dicir da beleza e da riqueza do mundo.
Por último, o presidente da Xunta puxo novamente en valor os lazos que unen a Brasil e Galicia sinalando ao publico brasileiro congregado na exposición que Galicia sempre estará agardando aos brasileiros cun sorriso que será un sorriso de simpatía e de irmandade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.