
O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, fixo unha valoración positiva da súa viaxe a Brasil. Considero que os obxectivos de aproximación e de estreitamento de relacións políticas, institucionais, de cooperación cultural e económica están establecidos, avanzou o presidente galego, asegurando que agora se abre todo un mundo de traballo que deberemos ir ampliando e desenvolvendo porque, subliñou, isto non se acaba nun día senón que, xustamente, nace e a partir de aí hai que desenvolvelo.
En declaracións aos xornalistas, minutos antes de ofrecer un almorzo aos representantes da sociedade bahiana, o xefe do Executivo autonómico remarcou os catro eixes nos que se baseou a súa viaxe de cinco días á República Federativa do Brasil: o estreitamento de relacións institucionais; o reforzamento dos lazos culturais; a colaboración empresarial; e o contacto coa colectividade galega.
Entrevistas ao máis alto nivel
A este respecto, Pérez Touriño sinalou que na súa viaxe houbo unha importante, decisiva e prioritaria compoñente institucional por canto se entrevistou co presidente da República Federativa do Brasil, Luíz Inácio Lula da Silva; co vicepresidente do Goberno de Brasil; co Gobernador do Estado de Bahía e co propio prefeito da cidade de Salvador.
Unha compoñente na que tiña especial interese para abrir e consolidar un espazo de relación e de cooperación en todos os terreos e todos os campos, salientou Pérez Touriño, sobre todo, engadiu, pensando no futuro dun país, Brasil, que emerxe como unha gran potencia económica e cultural, como un país que probablemente marca o liderato de Iberoamérica e no que Galicia, por proximidade lingüística, cultural e histórica ten especiais oportunidades.
Estreitamento de lazos culturais
En segundo lugar, Touriño referiuse á forte compoñente cultural que caracterizou a súa viaxe. Para min era moi importante traballar na dirección de facer visible a presenza da Galicia actual, a través da cultura, da arte, da música, dos nosos produtos audiovisuais, nunha sociedade como a brasileira, incidiu. E avanzou que, do convenio do audiovisual asinado o pasado venres en São Paulo, xa empezan a agromar arredor de dez proxectos concretos de colaboración de produtores dun e doutro lado do Atlántico, entre Galicia e Brasil.
Tomamos unha serie de iniciativas no campo cultural, non só en Bahía, senón en São Paulo, remarcou Touriño, quen comprometeu que seguirá a traballar nesta liña. Este non é máis que o inicio por visibilizar Galicia e a cultura galega e a nosa identidade nun espazo de referencia como é Brasil, concluíu.
Lazos económicos
Nas súas declaracións aos medios, Touriño relatou que durante a viaxe tamén se trataron de apontoar os lazos económicos con Brasil, co obxectivo de fortalecer as relacións empresariais xa existentes e buscar espazos nesa dirección. Concretamente, referiuse ao terreo pesqueiro e da acuicultura, ao das enerxías renovables, e subliñou que se ben o encontro mantido con empresarios en São Paulo marca o inicio, a finalidade é que o concretemos en diversas posibilidades de cooperación, non só en São Paulo, aínda que este sexa economicamente o espazo máis determinante de Brasil.
Finalmente destacou o acompañamento e unha presenza coa comunidade galega como outro dos piares fundamentais da viaxe, agradecendo a hospitalidade e afabilidade especial coa que o presidente da Xunta e a súa delegación foi recibido.
Viaxe cargada de sentido de país
A preguntas dos xornalistas, o presidente da Xunta remarcou que no transcurso desta viaxe a palabra eleccións, a palabra voto ou a palabra electoral brillaron pola súa ausencia e que en nada esta viaxe ten que ver con períodos ou non períodos electorais. Destacou que se trata dunha viaxe cargada de sentido de país, de como ten que ser a política de relación internacional, algo sobre o que considerou que Alberto Núñez Feijoo e o PP aínda lle queda moito por aprender, moito camiño que percorrer e espero que o poida ir aprendendo. Poden ter a tranquilidade e a seguridade de que esta viaxe feita polo presidente da Xunta de Galicia cumprirá e cumpriría todos os requisitos máis intensos de calquera regulación que se quixera facer, apostilou.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.