
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, inaugurou en São Paulo (Brasil), por medio dunha multivideoconferencia, a Rede de Telecentros de Comunicación en Galicia, ponte tecnolóxica e dixital con Iberoamérica. No acto desde a comunidade galega participaron o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, desde a sede do Centro Multimedia de Galicia onde a Xunta instalou o corazón da rede de telecentros; así como os alcaldes de Verín, Emilio González Afonso; e o alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, desde os seus respectivos concellos.
Tal e como explicou a presidente galego, a Rede de Telecentros de Comunicación constitúe unha iniciativa que tende unha ponte dixital extraordinaria con Iberoamérica a través dos centros creados por todo o territorio galego. Emilio Pérez Touriño subliño, ademais, que se trata dunha magnífica oportunidade para estender o acceso aos novos medios de comunicación en toda Galicia.
Rede de telecentros
Os telecentros son, de feito, un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Presidencia da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Comunicación, en estreita colaboración cos concellos. Na actualidade, a rede de telecentros conta con 31 sedes espalladas pola comunidade.
Durante o seu discurso, o presidente galego remarcou que ao longo deste mesmo ano se engadirán 10 novos centros á rede (Betanzos, Marín, Carballo, Arzúa, Guitiriz, Ribadeo, Ribadavia, Tui, Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis) que se sumarán aos doce inaugurados hoxe, correspondentes cos concellos de Abegondo, Vedra, Santa Comba, Vimianzo, Lalín, O Carballiño, Xinzo de Limia, O Barco, Monterroso, Foz, Viveiro e A Fonsagrada.
Así mesmo, Touriño lembrou que se está a traballar para conseguir o obxectivo de que ao final da lexislatura, no ano 2009, todos os galegos teñan a media hora de distancia un telecentro, que permita que haxa un nivel de formación importante no acceso ás novas tecnoloxías e ao mundo multimedia.
Non quedará unha comarca sen ter centros e todos os cidadáns de Galicia terán na man, a moi pouco espazo de tempo, a posibilidade de incorporarse a un servizo público gratuíto que lle permitirá instalarse na rede e acceder ás novas tecnoloxías, aseverou o titular do Goberno galego, lembrando que están a traballar tamén para estender a banda ancha á maioría da poboación no horizonte do ano 2010.
Multivideoconferencia
Na súa conversa co presidente da Deputación Provincial da Coruña, Emilio Pérez Touriño lembrou que esta provincia vai por diante, marcando a incorporación á rede de telecentros. Pola súa banda, Salvador Fernández Moreda destacou a importancia que esta ferramenta vai ter a nivel de desenvolvemento cultural e na educación, posto que pon en mans dos cidadáns novos instrumentos de comunicación.
Na súa intervención, o rexedor de Verín lembrou que este municipio xa ten unha ampla experiencia neste campo, posto que o seu centro entrou en funcionamento desde o ano 2001. Nesta liña, Emilio González Afonso sinalou que, desde a súa posta en marcha, se teñen realizado numerosos cursos formativos entre a poboación, así como programas específicos para as mulleres que teñen permitido que medio millar accedesen á aprendizaxe en ordenadores.
Na súa conversa co presidente da Xunta, o alcalde de Monterroso anunciou que se están a realizar os preparativos para realizar, o vindeiro día 23, unha videoconferencia coas galegas e galegos, coas monterrosinas e monterrosinos de Bos Aires, todo sinalou, grazas á achega das novas tecnoloxías.
Sociedade da información marcará a Galicia do futuro
Por último, o máximo mandatario autonómico considerou de grande importancia a oportunidade que nos brindan os telecentros, dado que, segundo sinalou, todos os galegos, en calquera recanto do mundo poden conectarse entre si. Xunto con isto lembrou a importancia que ten para o desenvolvemento do país a incorporación plena á sociedade da información.
O acceso á sociedade da información e á sociedade do coñecemento é a que marcará a diferenza entre a Galicia do pasado e do futuro, convertendo a Galicia nun país central, un país moderno e avanzado, concluíu Pérez Touriño.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.