O Consello da Xunta autorizou un convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Emigración e Cáritas de Santiago para levar a cabo un programa de actuacións conxuntas en materia de atención a emigrantes retornados e inmigrantes que, a desenvolver en A Coruña, Santiago, Carballo, Milladoiro, Pontevedra, Vilagarcía e A Estrada, porá a disposición dos colectivos mencionados un total de 64 prazas en casas e pisos de acollida, así como apartamentos para tres familias. Destas prazas, ata un máximo de 6, poderán ser reservadas por Emigración para o desenvolvemento do Programa para a Atención Humanitaria e a Acollida na Península de inmigrantes procedentes de Canarias, Ceuta e Melilla.
A Secretaría achegará dos orzamentos do ano 2007 a cantidade total de 245.000 euros, que se destinarán a sufragar os gastos correntes derivados do mantemento das prazas de acollida e dos custos dos servizos prestados no marco do programa obxecto do convenio.
O convenio, que ten por obxecto o desenvolvemento dun programa integral, incluirá entre as súas actuacións, a provisión de información inicial aos colectivos sobre a súa situación administrativa e trámites a realizar; servizo de aloxamento e manutención durante un período limitado de tempo; apoio económico para as necesidades básicas de medicamentos, roupa, asistencia sanitaria, alimentación infantil e para transporte; incorporación dos emigrantes retornados e inmigrantes ás redes sociais e á vida comunitaria; apoio laboral e derivación aos servizos sociais tanto de atención primaria como especialistas a aqueles usuarios do programa que o requiran segundo a situación detectada.
A vixencia do convenio esténdese ata o 31 de decembro de 2007, podendo prorrogarse por acordo expreso das partes asinantes.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.