Notas de prensa

Touriño di que o novo decreto de admisión de alumnos permitirá mellorar a calidade educativa e asegurar a igualdade de oportunidades

Salienta que este regulamento, cuxa orde se publica o 19 de marzo, introduce como novidades baremables o domicilio laboral e a familia numerosa. Educación reservará ata o final do proceso un 15% de prazas para o alumnado con necesidades especiais.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta a aprobación do decreto de admisión de alumnos en centros docentes sostidos con fondos públicos. Un decreto, dixo, que desenvolve o mandato da Lei Orgánica de Educación 2006 (LOE) e cuxo fin ”é asegurar a calidade educativa e a igualdade de oportunidades”. Este decreto desenvolverase a través da orde correspondente, que se publica no DOG o luns, 19 de marzo. De aí ata o 30 de marzo será o prazo de reserva de prazas nos centros correspondentes.

Segundo indicou Pérez Touriño, unha das novidades do decreto é a reserva ata o final do prazo de matrícula dun máximo do 15% das prazas dos centros públicos ou concertados para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. “Haberá pois –subliñou- unha cuota de reserva ata o final que garante que os alumnos con necesidade de apoio específica teñen praza na rede de centros públicos e concertados”, explicou.

Ademais, o decreto establece a posibilidade de que, unha vez finalizado o proceso, se poida incrementar, se fose necesario, un 10% na oferta para alumnos e alumnas de incorporación tardía. “Pode haber razóns singulares, específicas que fagan que algún alumno necesita incorporarse máis tarde, desde modo se lles garante que non teñan problemas no acceso”, matizou Touriño.

O máximo mandatario da Xunta debullou os criterios prioritarios do decreto, que, segundo indicou, tamén presentan novidades. Introdúcense así cinco tipos de criterios baremables: a proximidade do domicilio familiar ou de traballo de pai, nai ou titores legais, “este último é unha novidade”, apostilou o presidente; a existencia de irmáns matriculados no centro; as rendas da unidade familiar, un aspecto do que dixo que “a novidade está en que queda establecida a posibilidade efectiva coa Axencia Tributaria para verificar a correspondencia coa declaración presentada polo solicitante”; discapacidade, tanto por parte do alumno ou alumna como por parte do pai, nai ou titor legal e a condición de familia numerosa.

Estes, dixo Pérez Touriño, “son os principais criterios do decreto que busca introducir parámetros que garantan que todo o alumnado discapacitado ou con dificultades acceda con garantía plena a centros sostidos con fondos públicos”.

Xunto a isto, o Goberno galego coñeceu un informe da Consellería de Educación no que se recolle “a potente oferta publica de emprego para o ano 2007”, segundo cualificou o titular do Executivo autonómico. Trátase, indicou, dunha convocatoria “sen precedentes”, que contribuirá a mellorar “substancialmente a calidade” da educación.

Na historia da Autonomía, asegurou Touriño, “nunca se convocou un número tan alto de prazas”. “É unha aposta decidida pola mellora da educación pública, que forma parte do programa de cambio e de renovación do proceso educativo do país”, aseverou Touriño, quen indicou que a oferta de 3.125 prazas significan un “incremento espectacular”, respecto aos datos precedentes. Engadiu que esta oferta significa a creación de 406 prazas de novo cupo no sistema educativo galego.

Pérez Touriño tamén destacou que “en breve” se dará a coñecer un programa especial de impulso da Educación Infantil, un programa que responde ao compromiso do Goberno galego “de reducir o número de alumnos por profesor nas escolas infantís galegas”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-03-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES