Ademais das moitas vantaxes que ten de por si, o emprego do Software Libre é unha porta aberta á presenza do galego na Internet e na Sociedade da Información. Así o afirmou a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela, durante a súa intervención na xornada Entrans: a lingua galega e a tradución do software libre para Galiza, organizada pola Xunta de Galicia.
Segundo lembrou Elena Veiguela, o software libre permite a libre modificación das ferramentas informáticas coa fin de adaptarse ás demandas da comunidade de usuarios, o que implica que calquera aplicación informática desenvolvida en código aberto pode ser traducida de xeito gratuíto e libre se hai un grupo de persoas disposto a facer este traballo. Concretamente o Entrans é unha ferramenta que posibilita a un grupo de persoas traballar conxuntamente na tradución de ferramentas informáticas a través de Internet. Veiguela recordou que diferentes proxectos como Ciberirmandades da Fala, Trasno e Galego 21 levan anos realizando traducións colaborativas dos programas de uso máis común.
Neste sentido, a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información explicou que un dos obxectivos da Consellaría de Innovación e Industria é crear unha comunidade de tradutores voluntarios que poda ofrecer á comunidade aplicacións en galego actualizadas e achegadas ás súas necesidades. De feito, a través do Entrans de Mancomun.org, Iniciativa Galega polo Software Libre, os internautas xa puideron traducir a suite ofimática OpenOffice e o navegador web Mozilla Firefox. Así mesmo, Veiguela explicou que Mancomun.org coordinou a tradución ao galego de programas esenciais para calquera usuario, empresa ou administración, como os citados OpenOffice.org e Mozilla Firefox, ou o Gnome, Gaime ou Mozilla Thunderbird.
Por último, a directora xeral explicou que Innovación e Industria está a sentar as bases para a creación dunha metodoloxía de traballo para a tradución informática que inclúe a certificación do léxico empregado polo Termigal, a elaboración dunha guía de estilo das traducións que inclúa o vocabulario de uso frecuente, e a detección das diferentes metodoloxías e ferramentas empregadas na comunidade para a tradución de software.
Pola súa banda, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, indicou que o ámbito educativo é un sector clave no que, ademais de propiciar o coñecemento e a difusión do software libre de código aberto entre o alumnado galego, a presenza e a utilización destas aplicacións informáticas achegan importantes vantaxes polas súas propias características de libre dispoñibilidade, de discrecional adaptabilidade e de libre localización na lingua galega.
Ademais, Pérez Mariño sinalou que, máis alá do emprego de sistemas operativos e programas desta tipoloxía, como recursos e equipamentos didácticos nas diversas áreas e materias curriculares, a integración da filosofía do software libre pode e debe ter repercusións nas metodoloxías educativas, de cara a impulsar un modelo de ensinanza-aprendizaxe no traballo de colaboración. Así, a directora xeral salientou que este cometido debe ser compartido entre equipos docentes e aberto ao alumnado, tanto no traballo na aula como no contorno público da comunidade escolar.
Pérez Mariño salientou os dous principais obxectivos deste curso de formación do profesorado: coñecer a iniciativa pola localización do software libre en galego, e reflexionar sobre como o profesorado pode participar colaborando mediante a ferramenta ENTRANS. Neste senso, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa animou ao profesorado da Comunidade a actuar como dinamizadores desta iniciativa no centro de ensino, de cara a propiciar a existencia de grupos de traballo ou seminarios e trasladar esta realidade ao alumnado.
O curso Entrans: a lingua galega e a tradución do software libre para Galiza enmárcase nas estratexias operativas do PEGSI CeS-LA2-Contidos galegos para a internet e IeCA-LA1-Interoperabilidade e estándares abertos. O devandito Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) posto en marcha pola Consellaría de Innovación e Industria ten o obxectivo de promover todos os avances técnicos e culturais que coloquen Galiza como un país totalmente inserido na sociedade da información.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.