Notas de prensa

Preséntase a novela de Manuel Veiga: Lois e Helena buscándose un día de tormenta

Editada por Galaxia, trátase da obra gañadora do Premio de Novela García Barros 2006.

Librouro, en Vigo, acolle o 8 de marzo a presentación da novela de Manuel Veiga: Lois e Helena buscándose un día de tormenta. Editada por Galaxia, foi a obra gañadora do Premio de Novela García Barros 2006. Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Ramón Nicolás, crítico literario, acompañan ao autor na presentación da súa última novela.

A historia dun home, dunha muller e dunha cidade contada a través do que acontece nun só día é a que Manuel Veiga conta en Lois e Helena buscándose un día de tormenta. O xurado do premio, que organiza o Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa Deputación de Pontevedra, salientou que a obra premiada se trata dunha novela “escrita cunha prosa estilísticamente coidada e cunha trama narrativa que relata, desde un punto de vista crítico, a despersonalización da sociedade contemporánea”.

Escrita cunha prosa musical e mordaz, Lois e Helena buscándose un día de tormenta é unha novela que transcorre nun único día nunha cidade, Oliveira, trasunto do Vigo actual. Manuel Veiga logra combinar a historia da vida privada de ámbolos protagonistas coa da cidade, que se converte no terceiro vértice dun triángulo narrativo no que a omnipresenza de elementos coma os paxaros e a auga enche a novela dunha carga simbólica con gran poder de evocación. A historia civil da cidade e a historia do pasado dos dous personaxes centrais, un matrimonio en plena crise de identidade, van parellas e ilumínanse mutuamente creando un pulo narrativo que arrastra na lectura, seduce e mantén esperta a curiosidade do lector ou lectora. Lois e Helena búscanse polas rúas dunha cidade que tamén, en certo xeito desnortada, se busca a si mesma para conseguir aceptarse tal como é.

A narración comeza cando Lois esperta de mañá e descobre que a súa muller marchou levando con ela as súas cousas. Lois sae da casa para buscala ao tempo que se pregunta polas razóns do abandono. A segunda parte da novela ten a Helena como principal protagonista, os acontecementos son vistos agora a través do seu punto de vista. O relato constitúe unha viaxe ou periplo polas rúas da cidade. Lois e Helena buscándose un día de tormenta é, ademais, unha novela de símbolos, como o das gaivotas que pairan ameazadoras sobre os personaxes, ou as enxurradas de choiva que ameazan constantemente a cidade e sacan á luz a súa historia oculta.

MANUEL VEIGA (Monforte de Lemos, 1960) traballa desde 1983 na redacción do semanario A Nosa Terra, ademais de colaborar decote noutras publicacións periódicas, entre elas a revista Grial. En 1998 publicou a súa primeira novela As ruínas da cidade amada, para dar ao prelo posteriormente o libro de relatos Biografías de malogrados (2001). No ano 2004 obtivo o Premio Xerais coa novela O exiliado e a primavera. No eido do ensaio, publicou en 2003 a obra O pacto galego na construcción de España, no que analiza as relacións entre Galicia e o Estado español no período da Restauración.



Editorial Galaxia, 2007-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES