O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, puxo de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia por divulgar os últimos avances en audiovisual e multimedia a través de diferentes iniciativas, como é o caso da exposición itinerante Galiciadixital. Fernández Iglesias, fixo estas declaracións durante a presentación realizada esta mañá no municipio lugués de Palas de Rei desta exposición. No acto, o director xeral estivo acompañado polo alcalde do municipio, Fernando Pensado Barbeira, así como por alumnos e profesores do IES de Palas de Rei, entre outros.
A mostra, que organiza a Secretaría Xeral de Comunicación ten un carácter itinerante e amosa a aplicación das novas tecnoloxías á comunicación. Trátase dunha exposición baseada en producións virtuais e multimedia de primeira liña realizadas en Galicia, na que as novas tecnoloxías serven como pretexto para introducir ao visitante nesa nova Galicia que traballa por incorporarse en papel protagonista á sociedade da información e do coñecemento.
Así mesmo, o director xeral de Comunicación Audiovisual sinalou que a mostra amosa unha faceta máis do compromiso da Xunta de Galicia pola innovación, a investigación e o desenvolvemento, por canto pretende servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais, realizados por empresas e universidades galegas.
Contido e finalidade da mostra
Galiciadixital ten como principal finalidade achegar o audiovisual e os multimedia á cidadanía, a través da converxencia entre arte e tecnoloxía. Así mesmo, foi pensada como plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e institucións galegas.
As novas técnicas e ferramentas empregadas na mostra introducen ao visitante nunha atmosfera especial que nos amosa unha Galicia diferente. Créase, mediante tecnoloxías innovadoras, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que envolven ao visitante e lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida.
Visitantes
Máis de 400.000 persoas visitaron esta mostra, con sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. Dende hai aproximadamente un ano leva percorrendo os distintos puntos da Comunidade Galega.
A exposición Galiciadixital ten entrada gratuíta e permanece aberta na Casa da Cultura de Palas de Rei ata o domingo 4 de marzo con horario de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.