Notas de prensa

Drumming rende tributo a Fran Zappa no Salón Teatro

Baixo a dirección de Miquel Bernat, a actuación pecha o programa de música actual deseñada polo CDG.

O grupo de percusión portugués Drumming pecha o ciclo de música actual que veu desenvolvéndose ao longo deste trimestre no Salón Teatro de Santiago de Compostela programado polo Centro Dramático Galego (CDG). Baixo o título de Zapping, a banda lusa rende o seu particular tributo á obra do músico norteamericano, mediante a interpretación de distintas pezas de compositores que recrean o seu estilo, cun concerto o día 28 de febreiro a partir das 20:30 horas.

O valenciano Miquel Bernat dirixe Drumming, agrupación integrada tamén por Nuno Aroso, Francisco Aparici, Pedro Oliveira, Rui Rodrigues, António Sérgio e João Cunha. O repertorio que se interpretará no Salón Teatro abrangue obras dos autores portugueses Carlos Azevedo, Nuno Rebelo, Vítor Rua, Rui Rodrigues, Pedro Amaral, así como de Agustí Fernandez (España), Óscar Bianchi (Italia) e Javier Arias Bal (España). O popio Frank Zappa tamén estará presente cunha das súas máis impresionantes obras titulada Peaches En Regalia, cun arranxo feito polo pianista e compositor Telmo Marques.

“A percusión, en canto á súa esencia sonora, ten unha vitalidade que os outros instrumentos non posúen. Ela ten un aspecto vivo, un aspecto sonoro que é mais espontaneo e inmediato”, dixo Edgard Varèse, o compositor que máis influenciou a Francis Vincent Zappa (1940-1993). Partindo e inspirándose nesta peculiaridade observada por Zappa, así como no rico legado que deixou sobre todo nos seus discos, nacen as fontes deste tributo e do novo proxecto do grupo Drumming.

A PERCUSIÓN POR RIBA DA ORQUESTRA

Frank Zappa, autodenominado compositor, vén do mundo do rock pero presenta singularidades moi propias. Fortemente influenciado pola música contemporánea, foi un admirador de John Cage, Igor Stravinsky e Anton Webern, pero sobre todo é de salientar a influenza de Edgar Varèse que se aprecia na similitude entre o traballo orquestral de ambos e no uso da percusión, superposta ao resto da orquestra nunha forte construción rítmica e de métricas complexas. Líder da súa banda, The Mothers of Invention, creador e explorador inesgotable nos máis variados campos e estilos sen deixarse encadrar en ningún deles: clássico, rock, jazz, reggae, blues, etc., chegou a compoñer para para grupos como o Ensemble Moderne de Frankfurt.

Tralo concerto Zapping, o Salón Teatro continúa coa programación prevista para o mes de marzo coa representación de danza Los olvidados, a cargo da compañía Rayo Malayo os días 1 e 2; e a produción teatral As últimas lúas, pola compañía galega Lagarta Lagarta, os días 3 e 4. Do 7 ao 31 de marzo será a última montaxe do CDG, Tarará-Chis-Pum! a que ocupará este escenario da Rúa Nova compostela.

As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 euros cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e posuidores do carné xoven.

Gabinete de Comunicación do Igaem - Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, 2007-02-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES