
Carlota Mera é unha xoven risueña e leda, afeccionada aos cabalos e á pintura. Este ano, a súa paixón pola arte levouna lonxe, concretamente a ser finalista do III Certame de Pintura Novos Valores, organizado polo Concello de Brión. O seu cadro, de trazos firmes e grandes medidas -ten sete centímetros menos ca min de alto- foi motivo de discusión entre o xurado que finalmente lle concedeu un diploma acreditativo recoñecendo o seu valor como finalista.
Un xinete de rostro decoñecido achégasenos desde o ángulo superior esquerdo do lenzo para avanzar cara nós montado sobre un cabalo branco. O traballo foi arduo e complexo. O cadro é tan grande que me tiven que axeonllar para pintar as partes baixas e subir a un banco para as partes altas, explica. A verdade é que o pasei mal porque era Nadal e eu estaba con bronquite e claro, o cheiro a trementina e a augarrás facíanme moito mal, engade. A idea da obra saiu dunha revista con imaxes de cabalos. Mirei moitas revistas antes de decidirme. Tiña unha idea na cabeza e quería facer o máis parecido ao que tiña imaxinado, comenta.
Natural de Viceso (Brión) Carlota vai a clases nocturnas a Santiago para sacar o seu titulo de Técnico en Farmacia. Vou ao Lamas de Abade. O que eu quería facer era enfermería, pero non entrei así que aquí estou. As clases, de catro a dez, gústanme moito e sempre saco boas notas, declara. Na aula hai xente de todo tipo e de todas as idades. Ten o seu mérito. Cando remate, en decembro do ano que vén buscarei traballo mentres penso qué facer. Non me podo apuntar a ningún outro curso por rematar en decembro e non quero perder o ano sen facer nada así que traballarei, comenta.
O gusto pola pintura venlle a Carlota de nena. Con seis-sete anos fun a unha academia pero enseguida a deixei por problemas familiares. A verdade é que eu pinto sen experiencia, non como as miñas compañeiras que gañaron o concurso, que van as dúas a clases, conta. A verdade é que non me animo a presentarme a máis certames porque nunca se sabe o que te vas a atopar. A competencia é dura e hai xente moi preparada. Eu non teño preparación, gustaríame, pero non a teño, confesa.
Seguir facendo o que me gusta. Ese é o obxectivo de Carlota. É bonito facer o que un quere. Eu non me imaxino de maior traballando toda a vida nunha cousa que me aborrece. Quero seguir montando ao meu cabalo e pintando de cando en cando e atopar traballo do meu. Parece moito pedir pero non o é, di.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.