
A Consellería de Traballo presentou a nova imaxe coa que se identificará a Formación Profesional Ocupacional, un dos subsistemas da FP que está dirixido ás persoas desempregadas. Así o explicou o director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca, durante a presentación da campaña de publicidade da Formación Profesional Ocupacional que se pon en marcha para a promoción da súa nova imaxe. Fuenteseca indicou que este cambio realízase co obxectivo de trasladar a toda a sociedade as novas vantaxes da formación ocupacional e, sobre todo, a idea de que a formación profesional é emprego produtivo, non soamente a base do emprego, destacou.
Así pois, subliñou que a finalidade é trasladar aos empresarios confianza na formación ocupacional. Unha das ideas que estruturan este proxecto é facer visible aos desempregados que, coa nova formación ábrense novas portas e oportunidades no mercado de traballo, indicou o director xeral.
Para isto é indispensable dotar de credibilidade a esta nova xestión diante do empregado, aclarou Fuenteseca.
O director xeral de Traballo apuntou que para conseguir o obxectivo de máis recoñecemento e mellor valoración era preciso un lema facilmente recordable e, ao mesmo tempo, que chamase a atención. O resultado é a idea de que o saber ocupa, afirmou Fuenteseca. Un concepto que pretende representar a formación profesional ocupacional como unha chave que abre as portas á empregabilidade, concluíu.
O representante de Traballo informou de que a campaña de publicidade está asentada nos catro puntos básicos do novo plan da formación profesional, polo que os esforzos e recursos centráronse en definir as ocupacións máis demandadas, analizar territorialmente as necesidade de formación, definir a política de optimización de recursos e, por último, dedicar unha atención especial ás zonas menos favorecidas, aos colectivos en risco de exclusión social e todo o que supoña favorecer a participación da muller.
A imaxe da campaña
O representante da Consellería de Traballo explicou que se escolleu a simboloxía dunha diana como imaxe da campaña, xa que se integra perfectamente no O do acrónimo da FPO. Ademais, simboliza o principio estratéxico fundamental do Plan FIP 2007, que se basea na concentración de esforzos e recursos nos eidos onde as posibilidades de éxito en clave de empregabilidade son maiores, resaltou pastor Fuenteseca.
Ademais, foi deseñada unha liña de insercións publicitarias nos medios escritos e nos audiovisuais, dixo o director xeral. Para os medios audiovisuais, elaborouse un spot no que se afirma que o saber si ocupa, coa finalidade de crear certa expectación sobre unha mensaxe que choca co que todos sabemos dende nenos, que o saber non ocupa lugar, explicou Pastor Fuenteseca. E engadiu que a partir de marzo, emitirase un anuncio no que se explica o contido desta campaña.
Unha imaxe de continuidade
O director xeral de Formación e Colocación apuntou que coas campañas do FORIET (programa de formación transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal) e do Plan FIP 2007 foise aprobando e consolidando unha imaxe que a partir de agora unificará as diversas actividades da formación que xestiona a dirección xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, concluíu.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.