
A Consellería de Innovación e Industria está a promover un proxecto de turismo musical da discográfica Ouvirmos. Este proxecto aposta pola investigación e a recuperación do patrimonio musical para crear un novo modelo de turismo en Galiza. Dado o seu carácter innovador, a iniciativa acadou unha subvención de 48.000 euros do Programa de Ciencias Sociais da Dirección Xeral de I+D+i, contía que abrangue o 50% do seu custe total.
O proxecto consiste nun exhaustivo traballo de documentación en quince localidades galegas para establecer rutas turísticas de interese musical. Trátase de Pontevedra, Celanova, Mondoñedo, Betanzos, Tui, Santiago de Compostela, A Coruña, Ribadavia, Ferrol, Monforte de Lemos, Lugo, Vigo, Ourense e o conxunto formado por Muros e Noia. A investigación, que comezou no ano 2006, prolongarase durante catro anos.
O grupo de traballo está formado por historiadores da arte e da música e técnicos de patrimonio. Unha vez sistematizada toda a información recollida de cada localidade, este equipo localiza os puntos de interese e establece un percorrido de aproximadamente unha hora de duración en cada zona. Xosé Manuel Aldea, xerente e fundador de Ouvirmos, explica que as fontes de traballo para deseñar estes itinerarios son os axentes locais que puideron manter vivo o patrimonio durante décadas. Documentámonos a través de revistas, tanto xerais como locais, pero tamén nos cafés e nos liceos, ou a través de bandas, de agrupacións folclóricas ou mesmo das institucións eclesiásticas, explica Aldea.
O proxecto materialízase finalmente nun soporte físico, nunha serie de publicacións de Itinerarios Histórico-Musicais. Na actualidade xa está rematado o itinerario de Pontevedra, un libro no que se repasa a tradición musical, a historia dos edificios vinculados á música, os máximos expoñentes artísticos da cidade e unha ruta sinalizada. Ademais das fotografías que ilustran o contido, a publicación está acompañada dunha Guía de escoita, unha selección de seis pezas recollidas nun disco compacto.
NOVAS FÓRMULAS
Como referente para este proxecto de innovación, Ouvirmos toma a promoción turística da música que se fai en Francia, onde este tipo de turismo xa está moi desenvolvido. Adaptar este modelo a Galiza é, para esta editora, avanzar nunha tipoloxía turística particular, feita a medida e fuxindo da masificación e da sobreexplotación dos recursos. Os promotores desta iniciativa sinalan ademais que as rutas musicais que propoñen poden integrarse dentro doutras que teñen como finalidade coñecer a cultura e a sociedade galegas. Visitas específicas, guías turísticos formados na materia e eventos como concertos especializados destinados a grupos reducidos engadirían valor a estes itinerarios.
A realización deste proxecto é posible grazas ao Programa de Ciencias Sociais da Dirección Xeral de I+D+i, destinado á investigación, o desenvolvemento e a innovación no ámbito das ciencias sociais e culturais. Entre as súas áreas de prioridade está o patrimonio artístico e cultural, e máis concretamente a realización de proxectos como o de Ouvirmos de procura de novas fórmulas para rendibilizar de modo sustentable o patrimonio cultural galego.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.