Notas de prensa

Continúa a viaxe da exposición itinerante O mundo na túa cabeza

A mostra, que foi visitada por 8.600 persoas en 2006, presentouse no marco da Semana da Ciencia. Agora visita Ribadavia, Sada e O Grove.

A exposición sobre neurociencia “O mundo na túa cabeza” volve a abrir este luns as súas portas despois da boa acollida que tivo o ano pasado no seu percorrido por diferentes vilas galegas. Ribadavia (Ourense), O Grove (Pontevedra) e Sada (A Coruña) serán as primeiras das nove localidades que durante 2007 acollerán esta mostra e os cafés científicos que as acompañan. A iniciativa está promovida pola Consellería de Innovación e Industria e coordinada polo Museo de Historia Natural Luis Iglesias da USC.

A exposición presentouse con motivo da Semana da Ciencia 2006 e o seu éxito de público (visitárona máis de 8.600 persoas en novembro e decembro do ano pasado) fixo que a Consellaría decidise darlle continuidade este ano cun itinerario que comeza este luns, día 26, na localidade ourensá de Ribadavia.

Baixo o título global de “O mundo na túa cabeza” agrúpanse tres mostras relacionadas coa neurociencia, nas que o cerebro e o sistema nervioso son os protagonistas. Son “¿Estás seguro do que ves?”, “A máquina de crear realidades” e “¿Que sabemos e como no lo contaron?”. Para a súa elaboración, o Museo Luis Iglesias contou coa colaboración de expertos en neurociencia como Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, membros do grupo de investigación Neurocom (Universidade da Coruña), e de Rafael Sixto, especialista en didáctica da ciencia.

Como novidade, as exposicións compleméntanse coa celebración de cafés científicos. Lonxe do tradicional formato de conferencia, estas reunións permiten a interacción de científicos e público no ambiente distendido dunha cafetería. Nos cafés participarán os profesores Casto Rivadulla, Xurxo Mariño e Javier Cudeiro, e os actores Vicente de Souza e César Goldi.

TRES MOSTRAS, TRES LOCALIDADES

A mostra “¿Estás seguro do que ves?” está pensada como un percorrido polo cerebro: dende o ollo até a creación de imaxes na cortiza, con experiencias interactivas, ilusións ópticas, visión nocturna e animacións en 3D. O luns será inaugurada na antiga Igrexa da Magdalena de Ribadavia e o día 2 de marzo terá lugar, ás 20.00 horas, un café científico no Café Aljama cos profesores Casto Rivadulla e Xurxo Mariño, así como o actor Vicente de Souza.

“¿Que sabemos e como no lo contaron?” abrirá as súas portas na Casa da Cultura de Sada o próximo martes día 27. A exposición amosa o proceso da información dende os sentidos até o cerebro e está deseñada coma unha viaxe na que o punto de partida son as percepcións sensoriais humanas e o destino o procesamento da información no encéfalo. Amosa ademais unha perspectiva histórica da neurociencia e detalla técnicas utilizadas na investigación nesta materia ao longo da historia. Como complemento da mostra, o 16 de marzo celebrarase un café científico no café La Terraza, a cargo do profesor Javier Cudeiro e do actor Vicente de Souza.

Por último, “A máquina de crear realidades” está composta por unha sucesión de experiencias sobre a investigación e o funcionamento do cerebro humano. Permite observar neuronas no microscopio, percibir ultrasóns e probar a destreza de cada un fronte a un ordenador. Será a vila do Grove a que acolla esta exposición, que se presentará na Casa da Cultura o mércores 28 de febreiro. Neste caso, o café científico celebrarase na Cafetería Menta y Chocolate o día 9 de marzo, cos profesores Casto Rivadulla e Xurxo Mariño, xunto co actor César Goldi.

A mostra enmárcase dentro das actividades do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i 2006-2010, IN.CI.TE. O seu obxectivo é facilitar un maior coñecemento da ciencia e a tecnoloxía na sociedade galega. Con iniciativas coma esta preténdese facer reflexionar aos cidadán sobre a evidencia de que vivimos rodeados de ciencia e da importancia que ten para acadar o progreso e o benestar. A finalidade última é difundir a investigación que se está a realizar en Galiza, abrir ao público os espazos reservados á ciencia, facer da ciencia e da tecnoloxía unha materia atractiva para o cidadán de a pé, incentivar a participación da xente nas cuestións científicas e espertar vocacións científicas entre os máis novos.

Fotografía correspondente á inauguración desta mostra en O Barco.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2007-02-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES