Notas de prensa

O Goberno galego aposta porque Galicia ostente o liderazgo nas enerxías renovables

O xefe do Goberno galego presidiu a presentación en Ourense da empresa T-Solar Global destinada á produción de placas de enerxía solar fotovoltaica.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou a aposta do Goberno que preside porque a comunidade galega ocupe no futuro unha posición de liderado nas enerxías renovables. “Galicia ten, e terá máis no futuro, unha posición de liderado nas enerxías renovables e o mix no que estamos traballando desde o Executivo galego é un mix extraordinariamente óptimo para o futuro do país, unha combinación que se está a facer na aposta polas enerxías eólicas (1500 novos megavatios de enerxía eólica no período inmediato), a enerxía fotovoltaica, a biomasa, os paneis solares térmicos e os proxectos de biocombustible”, subliñou.

“Trátase –indicou Pérez Touriño- dun mix que creo que ningunha comunidade autónoma de España probablemente poida ter nun horizonte tan inmediato como no que o vai ter Galicia”. Durante a presentación pública en Ourense da empresa T-Solar Global, o máximo mandatario autonómico incidiu en que a enerxía é un dos grandes temas de futuro no que, ao seu xuízo, Galicia está a avanzar “nunha dirección óptima e razoable”, buscando un espazo “para as nosas empresas e para o país no terreo da oferta enerxética equilibrada e competitiva cara o futuro”.

Nese sentido, Emilio Pérez Touriño explicou a súa presenza no acto de presentación de T-Solar Global precisamente porque se trata dun proxecto vencellado ás enerxías renovables, “un sector estratéxico para o Goberno galego”.

Tecido produtivo forte e dinámico

Paralelamente, o máximo mandatario autonómico tamén se referiu á importancia do proxecto presentado por T-Solar Global porque ao seu xuízo permite “refrendar na práctica que a comunidade galega é atractiva a nivel económico e empresarial”. Segundo Pérez Touriño a implantación desta empresa no Parque Tecnolóxico de Ourense pon de manifesto a capacidade “de seducir e atraer investimentos e de xerar iniciativa”. Neste sentido, destacou que ao longo do ano 2006 e nos inicios do 2007 se está a producir unha enorme vitalidade económica e de actividade empresarial na nosa comunidade.

Así mesmo, Emilio Pérez Touriño referiuse a que esta iniciativa exemplifica a prioridade que para o Executivo autonómico supón traballar cos empresarios, acompañando novas iniciativas para desenvolver un tecido produtivo forte, dinámico e competitivo. Como exemplo, o presidente da Xunta sinalou que o proxecto de T-Solar Global contará cunha subvención do IGAPE de 5,84 millóns de euros, cun aval de 10 millóns e coa participación de Xesgalicia cun 29% do capital social.

Na súa intervención, o xefe do Goberno galego indicou que o proxecto presentado hoxe está en consonancia coa liña prioridades estratéxicas da Xunta polo seu carácter de empresa “que aposta pola innovación e o capital humano”. Pérez Touriño sinalou que T-Solar Global aposta por “unha estratexia pioneira en España e en Europa” , baseada na fabricación de paneis solares fotovoltaicos.

Elemento de dinamización económica para Ourense

Por último, o titular do Executivo autonómico remarcou que a implantación no Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas actuará como elemento de dinamización económica de Ourense. Neste sentido, Touriño indicou que a iniciativa supón un “potente investimento, 75 millóns de euros”, prevé a creación de arredor de 200 empregos, e é, ao tempo, “un proxecto de innovación e de renovación de capital humano”.

O presidente da Xunta considerou que o eixe Ourense-Vigo é unha zona que pode reverter a súa situación porque é capaz de crear emprego e actividade “en beneficio do conxunto dos cidadáns da provincia e de toda Galicia”. Nesta liña, Pérez Touriño avogou por facer “unha discriminación activa e positiva” cara a Ourense, unha zona que ao seu xuízo precisa “do compromiso activo das institucións públicas, en particular do Goberno autonómico para favorecer este tipo de investimentos”.

Proxecto de T-Solar Global

Na súa intervención, o conselleiro delegado de Isolux Corsán, Antonio Portela, subliñou que o proxecto de T-Solar Global pretende “incorporar Galicia ao mapa mundial da enerxía solar fotovoltaica”. Antonio Portela destacou o apoio institucional recibido en Galicia e, particularmente, o apoio da Xunta, a quen agradeceu especialmente o seu esforzo e implicación.

De feito, T-Solar Global é unha empresa dedicada á produción e comercialización de enerxía solar fotovoltaica e representa unha iniciativa pioneira baseada na xeración de enerxía solar a través de paneis de capa fina de silicio.

O proxecto contempla un investimento de 75 millóns de euros e prevese que estea finalizado en xaneiro de 2008, de xeito que en torno a maio-xuño dese mesmo ano comece a súa produción. A implantación de T-Solar supón a creación inicial de 185 postos de traballo e está previsto que a partir do ano 2009 a empresa facture máis de 100 millóns de euros e empregue a arredor de 200 persoas. A planta de produción de paneis solares de T-Solar ubicarase nunha parcela de 29.000 metros cadrados no Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas de Ourense.

Antonio Portela destacou o apoio institucional recibido en Galicia e, particularmente, o apoio da Xunta, a quen agradeceu especialmente o seu esforzo e implicación.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-02-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES