
O Consello de Administración da Tecnópole autorizou oficialmente a instalación da empresa T-Solar Global no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia. A nova empresa ocupará 28.500 metros cadrados de terreo para o desenvolvemento dun proxecto pioneiro en Europa no sector dos paneis de enerxía solar fotovoltaica.
A importancia desta decisión ten dúas vertentes. Por unha banda, trátase do maior proxecto empresarial acollido pola Tecnópole en termos de investimento, cifrado en máis de 75 millóns de euros. Pola outra, é unha iniciativa pioneira en Europa, xa que representa un paso adiante na tecnoloxía de deseño e fabricación de paneis solares fotovoltaicos de capa fina de silicio. Ata o de agora, estes paneis veñen sendo fabricados nun 90 por cento con silicio cristalino, mentres que o proceso de fabricación que se levará a cabo no recinto ourensán de San Cibrao das Viñas se baseará no silicio amorfo, o de maior rendemento.
T-Solar Global terá unha capacidade anual de fabricación de paneis para producir ata 40 MWp (megawatios pico), unha cifra revolucionaria en España, onde o total dos fabricantes estatais xeneraron paneis solares para 82 MWp en 2005, último ano do que conta con datos completos a Asociación da Industria Fotovoltaica (ASIF).
Esta capacidade de produción será moi relevante no lugar que España ocupa no sector. Xa agora as empresas españolas dedicadas á fabricación de paneles solares supoñen o 14 por cento da produción europea e o 4 por cento da mundial.
A empresa conta con ter creado 200 postos de traballo aos dez meses de completar a súa instalación na Tecnópole, dos cales o 60 por cento serán cualificados polo menos o 20 por cento deles enxeñeiros e licenciados-. A produción comezará no prazo máximo de 18 meses, coa previsión de ter no mercado os seus primeiros paneis solares no segundo semestre de 2008.
T-Solar Global aboará 45 euros por metro cadrado na Tecnópole e poderá edificar ata no 50 por cento da superficie total que lle foi concedida. O proxecto, que conta cun socio norteamericano de perfil tecnolóxico, está impulsado por Isolux, coa participación dun grupo promotor liderado por Marcial Portela, Xesgalicia e un grupo de socios minoritarios.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.