Notas de prensa

Touriño salienta o alto interese para Galicia da implantación en Ourense da empresa T-Solar Global

Así o subliñou logo de reunirse, xunto co conselleiro de Economía, con Marcial Portela, membro do grupo promotor do proxecto T-Solar Global en colaboración co Grupo Isolux-Corsán.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, considerou de “alto interese” para a comunidade galega a instalación, no Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas (Ourense), da empresa T-Solar Global, destinada á fabricación de paneis solares fotovoltaicos. Logo de reunirse con Marcial Portela, membro do grupo promotor do proxecto, en colaboración co Grupo Isolux-Corsán, nunha xuntanza na que tamén participou o conselleiro de Economía, Pérez Touriño destacou que se trata dun proxecto de importancia para Galicia dada a materia da que se trata, o desenvolvemento de enerxías renovables; posto que posibilitará a creación de numerosos postos de traballo, 184; ao tempo que se trata da aplicación dunha tecnoloxía pioneira en España e en Europa.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o xefe do Executivo galego explicou que mañá mesmo o Consello da Xunta aprobará a participación do Goberno galego nesta empresa. Unha achega por parte do Executivo autonómico que se verá reflectida no capital social da empresa, cun 29% achegado a través de XESGALICIA, co Fondo Emprende, e tamén unha participación que se realizará a través da correspondente axuda por parte do Igape.

Emilio Pérez Touriño definiu a iniciativa de T-Solar Global como “de carácter estratéxico e pioneiro”, posto que constitúe unha aposta “pola creación de emprego e tamén pola cualificación”.

Importancia para o desenvolvemento de Ourense

Paralelamente, o máximo mandatario autonómico valorou positivamente o feito de que a instalación da empresa estea prevista no Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, en Ourense, por canto isto, ao seu entender, contribuirá a dar un enorme pulo á zona. Neste sentido, Pérez Touriño explicou que esta zona xeográfica do país precisa “dunha discriminación positiva” e dunha aposta “por tirar adiante, por dar oportunidades de xerar actividade, riqueza e emprego”. Neste sentido, tamén considerou especialmente importante para o desenvolvemento da zona o eixe de conexión entre Vigo e Ourense a través da A-52, que, ao seu xuízo, está a ser “unha canle de oportunidade moi importante” para o sur de Galicia.

75 millóns de euros

A empresa T-Solar Global contará cun investimento de entre 75 e 80 millóns de euros, segundo explicou Marcial Portela, e entrará en servizo “en poucos meses”, arredor de 18, de xeito que, segundo explicou, “a partir do segundo semestre do ano que vén as células fotovoltaicas poidan estar xa no mercado”.

Na súa intervención, Marcial Portela explicou que o que están a facer “é estruturar en Galicia un proxecto, unha tecnoloxía punta de fabricación de paneis solares fotovoltaicos” que vén solucionar “algún dos problemas que teñen as tecnoloxías de fabricación de paneis de silicio cristalino”, posto que os paneis de T-Solar Global empregan menos cantidade de silicio para producir a mesma cantidade de enerxía; e posto que se precisa menos enerxía no propio proceso para fabricalos.

Segundo remarcou na súa intervención, “se logramos avanzar con rapidez” nesta nova tecnoloxía, o proxecto presentado hoxe converterase na “primeira fábrica de tamaño industrial grande que empezase a producir paneis de lámina delgada en Europa”, asegurou.

Parque solar fotovoltaico

Xunto con isto, Marcial Portela explicou que tamén teñen previsto “poder dotar a Galicia con algún parque solar fotovoltaico” dun tamaño “interesante” desde o punto de vista da produción de enerxía limpa. “Estamos estudando as zonas que poden ter niveis de radiación suficientes para a produción de electricidade –asegurou-, e estamos convencidos que polo sur de Galicia haberá zonas para poder implantar algún parque”, sinalou.

Por outro lado, o representante do grupo promotor do proxecto T-Solar Global incidiu en que un dos grandes problemas da Unión Europea é todo o relacionado co mundo dos biocombustibles para tentar de buscar substitutos aos combustibles de orixe fósil. Por iso, asegurou Marcial Portela, “estamos plantexando tamén en Galicia o desenvolvemento dunhas plantas importantes de fabricación de biodiésel” que, ao seu xuízo, poderán “significar que esta nova empresa galega estivese dentro do ránking das dez primeiras empresas de Galicia no espazo de tres ou catro anos”. “Son investimentos moi fortes”, asegurou, “da orde de 300 millóns de euros” aínda que precisou que non todo este investimento correspondería coa comunidade galega posto que, previsiblemente, habería tamén algunha planta na zona do mediterráneo.

No capital social do proxecto T-Solar Global participan cinco promotores privados, encabezados por Marcial Portela; a empresa Isolux Corsan; XESGALICIA; e Caixanova.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-02-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES