
En 2006 a contratación indefinida en Galicia rexistrou un incremento do 36,8%, o que en termos absolutos supuxo a sinatura dun total de 25.735 contratos indefinidos con respecto ao ano anterior. Así, o explicou no Parlamento, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, quen engadiu que, no pasado ano a contratación indefinida caracterizouse polo seu forte incremento, xa que se rexistraron 95.595 contratos indefinidos ou conversións en indefinidos máis.
O conselleiro de Traballo apuntou que este aumento afectou a todas as provincias galegas e engadiu que flutúa entre o caso de Lugo, onde o incremento respecto do ano anterior acada un 47%, ao caso de Ourense, onde o aumento é do 25,4%. No caso das provincias da Coruña e Pontevedra, o incremento é dun 37,9% e 35,3%, respectivamente, aclarou.
Varela declarou que a variación de contratos de mulleres se situou nun 38,2%, fronte ao 35% dos homes. Isto favorece e fai que a distancia, en canto a estabilidade por sexo, se reduza e camiñe cara a equiparación, indicou. Cómpre destacar o especial incremento da contratación indefinida de mulleres de máis de 30 anos, xa que creceu nun 45%, algo máis de 8 puntos en comparación coa media galega, indicou o conselleiro de Traballo.
Segundo declarou Ricardo Varela, á vista destas cifras, podemos concluír que a política de fomento da estabilidade emprendida pola Consellería de Traballo, co acordo básico dos axentes económicos e sociais, deu resultados. Froitos que se manifestan tanto no incremento da contratación indefinida como en relación coa discriminación positiva que se ten establecido coa mocidade e as mulleres, precisou Varela.
Os piares deste incremento
O conselleiro de Traballo manifestou que estes logros son froito da posta en marcha dunha serie de liñas de actuación, como a incentivación da contratación indefinida e os plans sectoriais de estabilidade, que contaron coa apoio dos axentes económicos e sociais.
Varela apuntou que en todas as actuacións se estableceu o principio de discriminación positiva das mulleres, xa que elas son quen máis sofren a precariedade. Recordou que a Consellería de Traballo asinou varios convenios de colaboración co Colexio de Graduados Sociais de Galicia, a Asociación Española de Dirección e Desenvolvemento de Persoas (AEDIPE) e cos Colexios de Xestores de Galicia para a difusión do emprego estable.
Explicou que este marco de actuación foi ampliado coa sinatura dun convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia para difundir e divulgar as medidas de impulso á contratación indefinida. O conselleiro afirmou que estas medidas demostraron ser eficaces, tanto polo volume total da contratación indefinida, como nos seus aspectos de discriminación positiva.
O futuro da contratación
Ricardo Varela manifestou que pese a estes bos resultados, a temporalidade na contratación en Galicia segue a ser un dos máis graves problemas do mercado laboral de Galicia. Ao seu xuízo esta situación segue a requirir do noso esforzo para atallala.
Así, no acordo sobre os Obxectivos e medidas para o emprego en Galicia, un dos nove pactos que conforman o Acordo polo Emprego, establécese como obxectivo incrementar a taxa de estabilidade do emprego asalariado. Isto significa que se reducirá 1 de cada 2 contratos temporais no sector público e 1 de cada 4 no sector privado, avanzou o conselleiro. Adiantou que a taxa de estabilidade incrementarase entre 10 e 12 puntos no sector privado, mentres que no sector público esa taxa aumentará en 12,5 puntos.
O titular de Traballo indicou que para acadar ese obxectivo estableceranse medidas consensuadas, como a promoción e xestión de plans de estabilidade que establezan taxas sectoriais que hai que acadar. Asemade, promocionarase o establecemento de cláusulas de estabilidade específicas nos convenios colectivos.
Outras das medidas, indicou Varela, correrán a cargo do Servizo Público de Emprego (SPE) que colaborará cos comités provinciais de emprego a análise e seguimento da contratación. Ao mesmo tempo, o SPE prestará a súa colaboración á Inspección de Traballo facilitando información nas materias das súa competencia, informou o conselleiro.
Por último dixo, estableceranse os colectivos aos que se dirixirán as políticas de fomento da contratación e determinarase a taxa de estabilidade mínima requirida para poder acceder ás medidas de fomento da estabilidade.
Para concluír, o responsable da Consellería de Traballo declarou que imos traballar na consecución de máis emprego, de máis calidade e máis seguro, convencidos de que os obxectivos marcados polos axentes económicos e sociais son perfectamente conqueribles.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.