
No marco do Berlinale Co-Production Market o Consorcio Audiovisual de Galicia, Catalan Films & Tv e o Centro de Desarrollo Audiovisual presentarán internacionalmente o programa Raíces
Algunhas das novas producións galegas farán a súa presentación internacional no primeiro dos mercados de cine máis importantes do mundo, o EUROPEAN FILM MARKET, que se celebra en paralelo ao Festival Internacional de Cine de Berlín Berlinale.
Este ano o European Film Market ten lugar do 8 ao 18 de febreiro no Martin-Gropius-Bau, onde o Consorcio Audiovisual de Galicia habilitará un stand paraugas xunto coas institucións españolas de promoción exterior audiovisual ICEX-FAPAE, ICAA, Catalan Films & TV e PromoMadrid, ademais das axencias de vendas internacionais españolas máis relevantes (Latido, KWA, Sogepaq e Lola Films) e Televisión Española.
O Consorcio asiste a este mercado cun novo catálogo de produción RODAR E PRODUCIR EN GALICIA 2005-2007 coas obras audiovisuais máis recentes feitas en Galicia e por empresas galegas. Con este catálogo quérese levar a cabo un labor de intermediación, presentándoo a tantos distribuidores, canles de televisión e axencias de ventas internacionais como sexa posible.
Ademais de presentar a produción galega, preténdese promocionar o noso país como plató de rodaxe. Comezando no European Film Market, este catálogo será obxecto de presentación noutros mercados e foros internacionais, e estará dispoñible na rede tanto na páxina web do Consorcio Audiovisual de Galicia como na da Galicia Film Commission.
No marco deste importante mercado de cine, a candidata aos Goya 2006 á mellor longametraxe de animación, De Profundis e a gañadora do mesmo, Pérez, o ratiño dos teus soños, daranse a coñecer internacionalmente ao igual que Mia Sarah, De Bares, Un franco, 14 pesetas e O Concursante, nas distintas proxeccións de mercado que se van realizar.
O Consorcio Audiovisual de Galicia, ademais de brindar apoio loxístico ás empresas galegas, este ano, xunto con Catalan Films & TV e o Centro de Desarrollo Audiovisual (pertencente ao ICIC) vai colaborar no acto de presentación dun dos seus programas máis importantes, o Fondo Raíces.
Este programa é un acordo de cara á coprodución, que vai pola súa 3ª convocatoria e xa permitiu a seis producións beneficiarse das súas axudas. Precisamente, Pérez, o ratiño dos teus soños de Filmax, Abrígate de Continental Producciones, La velocidad funda el olvido de Ardora Filmes e O neno de barro de Adivina Producciones son catro das máis recentes producións galegas beneficiadas deste acordo que o Consorcio ten asinado con Cataluña, Arxentina e Andalucía, rexión que se adheriu en setembro pasado.
Este programa vai ser presentado internacionalmente no marco do Berlinale Co-Production Market; foro onde as produtoras poden ter reunións bilaterais con coprodutores, distribuidores, axentes de vendas internacionais, representantes de canles de televisión e inversores, etc.
Dada a relevancia deste mercado e foro de coprodución as empresas galegas Vaca Films Studio, Adivina Producciones, Continental Producciones, Theseus Films, Acuarela Comunicación, IB Cinema, Ardora Films, Cabo Sam Lourenzo Missións Espectaculares, Trama Control Z e Artemática presentarán internacionalmente as súas empresas e os seus produtos actuais no encontro de coprodución que tamén terá lugar.
Ademais deste acto de presentación, no pavillón español vaise propiciar que as empresas españolas presentes no mercado poidan iniciar e/ou reforzar os contactos con distintas empresas produtoras, distribuidoras, canles de televisión, etc., internacionais. Por suposto, o Consorcio Audiovisual de Galicia participará na organización destas accións como outra medida máis de apoio ás produtoras galegas.
Aproveitando a presenza no European Film Market, o director-xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela, manterá unha reunión cos representantes do programa Cinema do Brasil para concretar a organización dunha misión comercial en marzo entre os sectores brasileiro e galego en Sao Paulo.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.