
O presidente da Fundación Luís Tilve, Suso Mosquera, presentou en Santiago, nun acto público, os Premios Luís Tilve 2007 que se entregarán en tres categorías, premio ao Traballo digno, Acción Solidaria e Defensa do medio ambiente e dos bens comúns.
O premio ao Traballo digno distinguirá aqueles actos e realizacións que constitúan unha referencia do que debe ser un traballo digno para todos, sen diferencias de sexo, raza, nacionalidade, relixión ou ideas políticas.
Na categoría da Acción Solidaria premiarase calquera iniciativa que contribúa ao avance da auténtica solidariedade que alimenta a convivencia xusta, o respecto recíproco e a paz, compartindo a loita contra as inxustizas, adversidades e as catástrofes, así como, as súas causas.
O terceiro recoñecemento será para iniciativas concretas encamiñadas a frear a ofensiva privatizadora dos bens públicos, que conduce a unha sociedade máis empobrecida, dualizada, coas libertades mermadas e a propia democracia limitada e empequenecida. Este será o premio Defensa do medio ambiente e dos bens comúns. No que tamén se distinguirán accións encamiñadas á defensa do medio ambiente, ese ben común, a propia terra, os ríos, a auga, o mar, o aire ou os bosques, que non se debe converter en monopolio privado.
Nestas tres categorías as posibilidades de accións concretas e iniciativas a destacar e premiar son moi amplas, dende traballos xornalísticos, estudos rigurosos, traballos de profesionais ou de alumnos, actividades culturais e de divulgación, accións cívicas, incluídas mobilizacións e manifestacións sociais diversas.
A data límite para a presentación de propostas é o día 17 de maio de 2007 e estas deben dirixirse, presentadas por escrito, a Premios Luis Tilve 2006, Avda. de San Lázaro, 81, baixo, 15891, Santiago. Despois da deliberación do xurado, os premios entréganse o día 22 de xuño na cidade de Vigo.
O Xurado desta edición de 2007 dos Premios Luís Tilve, está presidido por Fernando González Laxe, Catedrático da Universidade de A Coruña e Presidente de Honor da Fundación, e integrado por: Salvador Fernández Moreda, Presidente da Deputación Provincial de A Coruña; Álvaro Ansias Bacelar, Director Xeral de Promoción do Emprego na Consellería de Traballo da Xunta de Galicia; Carmen Avendaño Otero, Presidenta de Érguete-Integración; Rosalía Mera Goyenechea, Presidenta da Fundación Paideia; Tareixa Navaza González, periodista da TVE en Galicia; María Xosé Rodríguez Galdo, Catedrática de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago; María Dolores Rodríguez Amoroso, Presidenta do Consello da Xuventude de Galicia; José Antonio Gómez Gómez, secretario xeral da UGT de Galicia, e Roxelio Pérez Poza, secretario da Fundación Luís Tilve.
Lembrar que a Fundación Luís Tilve, constituída en Santiago no ano 1989, ten como obxectivos fomentar o coñecemento e espallamento da cultura sindical, organizar o arquivo histórico e documental de UGT-Galicia; axudar ao estudo e a investigación da historia dos sindicatos e fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas, xurídicas e económicas.
Finalmente, no mesmo acto, procedeuse á presentación do segundo número da revista Claridade que nesta edición está dedicada monograficamente ao tema Crecemento económico e dereitos e amosouse a nova páxina web da Fundación que pretende ser non só unha mera información institucional, senón un punto de encontro de todos aqueles interesados na recente historia e nunha ferramenta áxil e útil para os estudosos e profesionais que precisen da información contida nos seus arquivos.
A dirección da páxina web é :http://www.fundacionluistilve.org
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.