Notas de prensa

O Departamento de Xuventude de UGT-Galicia presentou a Campaña contra a precariedade laboral dos xóvenes: Protéxete

Ser muller e menor de 35 anos aumenta as probabilidades de sufrir o desemprego, a precariedade e salarios máis baixos. O Sindicato agarda que “O novo marco de relacións laborais en Galicia” sexa un instrumento útil para mudar esta realidade.

A secretaria de Servizos Sociais e Políticas de Igualdade de UGT-Galicia, Carmen Brea, e a responsable do Departamento da Xuventude de UGT-Galicia, Cristina Pedreira, presentaron no Kiosco Alfonso de A Coruña a “Campaña contra a precariedade laboral dos xóvenes. Protéxete” que o Sindicato está a poñer en marcha en toda a comunidade.

Cristina Pedreira explicou que a realidade sociolaboral na que se atopan os mozos galegos obrigou ao Sindicato a poñer en marcha esta campaña porque urxía mudar unha conxuntura marcada polo desemprego, a temporalidade, baixos salarios e altas taxas de sinistralidade. Indicadores todos eles que dificultan a emancipación dos máis mozos e que estes poidan abordar un proxecto de vida digno e propio.

Así, nesta campaña estanse a distribuír dous folletos informativos nos que se lles explica aos mozos en que consiste un contrato, como buscar emprego, os dereitos e deberes dos traballadores, que é un convenio colectivo, vantaxes da afiliación sindical, os salarios e moitos outros aspectos relacionados co eido laboral que os mozos deben coñecer.

Son moitos os indicadores sociolaborais que avalan esta realidade. Mentres a taxa de desemprego entre o conxunto da poboación en Galicia é do 8,5 por cento, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referidos ao ano 2006, no caso dos máis mozos, menores de 35 anos, esta taxa elévase ata o 12,1 por cento, é dicir, case catro puntos por enriba. Se se compara coa taxa a nivel do Estado, esta é do 11,6 entre os máis mozos, case medio punto por debaixo da galega.

Se a análise se pecha máis e se circunscribe ás mulleres menores de 35 anos, os datos son aínda máis negativos porque a taxa de paro chega ata o 15,3 por cento, fronte ao 9,4 por cento dos mozos. Isto supón que as mozas galegas soportan unha taxa de paro case seis puntos por enriba da que sofren os homes da súa mesma idade.

Unha comparación do comportamento do desemprego dos mozos por comunidades autónomas tamén deixa a Galicia nunha situación de desvantaxe. Só catro autonomías, Estremadura, Andalucía, Asturias e Canarias rexistran taxas peores.

En materia de contratación, segundo os datos facilitados polo INEM, a conxuntura tamén é bastante negativa aínda que se observa que isto está a mudar dende a posta en marcha do Acordo para a mellora do crecemento e o emprego, asinado polo Goberno e UGT, xunto con CC.OO. e a CEOE-CEPYME, e que entrou en vigor o pasado mes de xullo de 2006.

Segundo os datos do INEM, entre a mocidade o desemprego caeu no segundo semestre de 2006, con respecto ao mesmo semestre de 2005, nun 18 por cento e do total dos contratos asinados no segundo semestre de 2006, 455.776, o 50,6 por cento foron ratificados por menores de 30 anos.

Por outra banda, mentres no conxunto das idades, un 12,20 por cento dos contratos foron indefinidos neste mesmo período, no caso dos mozos non pasou do 10,4 por cento.

De novo, aínda que as cifras de análise sexan o INEM, en materia de contratación segue a ser a muller moza a máis prexudicada. Do total dos contratos asinados por menores de 30 anos só o 46,9 por cento corresponden a mulleres. O que si modifica a tendencia que se está a expoñer é que o 10,7 por cento dos contratos asinados por rapazas foron indefinidos, mentres que no caso dos mozos baixa lixeiramente ata o 10,23 por cento. No conxunto de idades esta realidade invírtese, a contratación indefinida é do 13 por cento no caso masculino e baixa ao 11,35 por cento no feminino.

A precariedade tamén se ceba entre os máis mozos, cunha taxa que entre os menores de 35 anos acada o 51,5 por cento, fronte ao 34,9 por cento da conxunto dos traballadores.

Aínda que esta porcentaxe, que supón que máis da metade dos traballadores mozos están afectados pola precariedade, é moi elevada, está a mudar pouco a pouco grazas aos procesos de concertación social. Concretamente, no segundo semestre de 2006, dende a posta en marcha do Acordo para a mellora e o crecemento do emprego, rexistráronse en Galicia unha media diaria de 86 conversións de contratos a indefinidos, superando os 42 do ano 2005.

O Departamento de Xuventude de UGT-Galicia considera que, de manterse esta tendencia, a finais de ano a diminución de temporalidade pode ser significativa, aínda que no se pode baixar a garda e hai que continuar traballando.

Neste senso, UGT-Galicia, xunto con CC.OO. e a CEG, asinaron onte en Santiago coa Xunta o acordo sobre un “Novo marco de relacións laborais en Galicia” que o Sindicato agarda que incida na mellora de todos estes indicadores e que, xunto aos acordos subscritos no proceso de Diálogo social aberto a nivel do Estado, e aos vindeiros acordos que se poidan ratificar no proceso en Galicia, conformen un paquete de medidas útiles para a mellora da situación sociolaboral dos mozos en Galicia e para garantir a converxencia dos indicadores co resto do Estado e coa UE.

Concretamente, no Novo marco de relacións laborais en Galicia, asinado onte en Santiago, inclúese o Acordo sobre obxectivos e medidas para o emprego que marca metas para a mellora da situación dos mozos no eido sociolaboral e as medidas que se van poñer enriba da mesa neste camiño. Reducir o paro xuvenil, en 17.000 mozos en relación coa media de 2004, e incrementar a taxa de estabilidade da mocidade en 19 puntos, ata o 60 por cento, son algúns dos obxectivos marcados.

A sinistralidade, outra das grandes lacras do mercado laboral galego e que tamén é abordada neste gran pacto que se asinou en Santiago a través de dous acordos (a Lei de creación do Instituto de Saúde Laboral e o Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais 206-2010), tamén se ceba entre os traballadores de menos idade.

De feito, o perfil tipo dun traballador que sofre un accidente laboral corresponde a un mozo de entre 16 e 35 anos, cun contrato de traballo inferior a seis meses e que, na maioría dos casos, posúe unha baixa cualificación e traballa nunha empresa de menos de 50 traballadores.

Segundo os últimos datos de sinistralidade laboral facilitados pola propia Consellería de Traballo e referidos a 2006, os traballadores de entre 25 e 34 anos concentran o 31,85 por cento dos accidentes e acumulan o 30,28 por cento das enfermidade profesionais.

Ser mozo, sufrir a precariedade e a sinistralidade parecen ser as patas dun mesmo banco no mercado laboral galego. Por isto, UGT-Galicia agarda que os procesos de Diálogo social abertos tanto en Galicia como no Estado sexan ferramentas válidas para intentar desmontar este trinomio e que os mozos galegos teñan a posibilidade de acceder a un emprego estable e de calidade que lles permita afrontar un proxecto de futuro e de vida con maior liberdade. UGT-Galicia, ademais de co seu protagonismo e traballo dentro destes procesos, vai contribuír a mudar esta realidade e, polo menos para crear conciencia do problema e de que hai que traballar neste senso, coa posta en marcha da campaña anunciada.

Despois da roda de prensa, Carmen Brea e Cristina Pedreira, acompañadas dunha representación de mozos do Sindicato, visitaron a exposición “Da España que emigra á España que acolle”, que permanecerá no Kiosko Alfonso (A Coruña) ata o 4 de marzo, organizada pola Fundación Largo Caballero”.

Cristina Pedreira incidiu en que o papel dos mozos na inmigración é moi importante porque a maior parte dos que chegan hoxe a España tamén son mozos . Tamén é importante que os máis mozos sexan conscientes de que “nós no pasado tivemos que saír fóra e agora debemos retomar da memoria esta realidade histórica para axudar a construír o que queremos ser, un país de acollida”.

Departamento de Xuventude de UXT-Galicia, 2007-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (parque-eolico-zas.jpg) A Xunta de Galicia completou esta semana os trámites para a autorización dos nove proxectos de repotenciación voluntaria de parques eólicos recibidas entre finais de 2023 e comezos de 2024 e que permitirán suprimir 286 aeroxeradores do territorio galego así como, coa mesma potencia, incrementar un 35 % a produción de enerxía renovable. Trátase dun procedemento que destacou pola súa axilidade pois os prazos de autorización administrativa acurtáronse considerablemente, completándose en menos dun ano desde a recepción do proxecto definitivo e cumprindo así co mandato comunitario de axilizar as xestións e garantir que non se alongan máis de dous anos.
Foto de la tercera plana (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na asemblea xeral Comisión do Arco Atlántico da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas en Sevilla, na que se fixo balance do último ano e se presentaron as previsións para 2026. O director xeral interveu na sesión Un novo marco financeiro plurianual da UE: que hai para o Atlántico, onde defendeu un futuro da política de cohesión descentralizado e o rexeitamento ao cambio de modelo cara un plan único por estado membro, postura baseada nas experiencias previas que mostran que os programas operativos rexionais son a fórmula máis eficiente para a xestión dos orzamentos destinados á cohesión.

Notas

Poucas figuras teñen deixado tanta pegada no imaxinario colectivo galego como a de Isaac Díaz Pardo (1920-2012). As súas múltiples facetas como deseñador, ceramista, pintor, empresario e intelectual convertérono nun emblema da identidade cultural galega. Precisamente neste 2025, no que se lle dedica o Día das Artes Galegas, a Universidade de Vigo quere renderlle homenaxe e contribuír a difundir o seu traballo e legado. Para facelo, este venres inaugurouse a mostra Isaac Díaz Pardo.
A Alameda de Santiago será esta fin de semana o escenario de Compos(tech)la, un dos múltiples eventos do proxecto Santiago en Vivo para fortalecer o tecido empresarial e dinamizar a economía. A feira tecnolóxica contará co protagonismo da Universidade de Santiago, que levará durante o sábado e o domingo ao parque compostelán algúns dos seus centros de investigación e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES