
No encontro mantido co Conselleiro de Medio Rural, o SLG demandou unha
atención especial para as pequenas explotacións e para aquelas que teñen
problemas de rendibilidade debido ao seu endebedamento. O Sindicato Labrego Galego mantivo unha xuntanza co Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, en Compostela. Por parte da organización sindical asistiron a súa secretaria xeral, Lidia Senra; Xabier Gómez Santiso, Carme Freire, Manuel da Cal e Isabel Vilalba. Esta reunión estaba enmarcada no interese que hai no Sindicato Labrego de que, a comezos de ano, se lle poidan presentar a Medio Rural aquelas cuestións que precisan do seu traballo ao longo de todo o ano.
Un dos temas polo que o Sindicato Labrego mostrou interese foi a necesidade
de consolidar os foros de diálogo no noso agro. Se ben xa se avanzou neste tema coa creación do Consello Agrario Galego, que era unha reivindicación histórica do SLG; agora existe a necesidade de afondar na interlocución entre as organizacións agrarias e o sector empresarial. Nesta liña, o SLG propuxo a posibilidade de traballar para crear, no futuro, interprofesionais en cada sector agropecuario que dean un soporte legal ás mesas de diálogo que Medio Rural veu desenvolvendo ata o de agora. En relación a isto, o Conselleiro de Medio Rural comprometeuse a crear a Mesa da Carne, da que se convocará a primeira xuntanza o vindeiro 9 de febreiro.
Outra das propostas do Sindicato Labrego tivo que ver co desenvolvemento da
agricultura ecolóxica. Aí, o conselleiro comprometeuse a publicar unha orde que
articule unha serie de axudas para promover este modelo agrícola no noso país.
O Sindicato Labrego tamén lle presentou a Suárez Canal as liñas de traballo
que debería contemplar a Consellaría á hora de levar adiante os seus programas de
desenvolvemento rural. Un dos puntos destacados desta serie de demandas do SLG foi a necesidade de desenvolver unha estratexia para posibilitar que os produtos das nosas explotacións estean no mercado galego.
Outro dos eixes reivindicativos que lle presentou o Sindicato Labrego ao
Conselleiro tivo que ver coa defensa das pequenas explotacións. A comitiva do SLG
explicoulle a Suárez Canal que hai un bo número de explotacións que, polo seu
pequeno tamaño, se viron abocadas á desaparición por mor das políticas agrarias
aplicadas nas últimas décadas, cando a súa existencia é vital para manter o noso
medio rural vivo.
Finalmente, o Sindicato Labrego tamén lle recordou Alfredo Suárez Canal a
situación crítica pola que están a pasar moitas explotacións galegas a causa do forte
endebedamento que padecen debido, sobre todo, á dinámica de fortes investimentos á que se viron obrigadas para acometer plans de mellora.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.