Notas de prensa

Colocada a primeira pedra da circunvalación de Vilagarcía de Arousa

Anúnciase a licitación do proxecto do estudo informativo da nova autovía Vilagarcía-Pontevedra, enmarcado no Plan Director de Infraestruturas e de Estradas.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou a creación de 20 millóns de metros cadrados de solo empresarial nesta lexislatura. Avanzou tamén que quedarán programados para a seguinte lexislatura outros 20 millóns de metros cadrados. En total, estas actuacións suporán un investimento de 2.000 millóns de euros. Touriño apuntou, ademais, que no “futuro inmediato” a área de Vigo contará con 6 millóns de metros cadrados de solo industrial.

Así o anunciou o presidente galego durante o acto de colocación da primeira pedra das obras da variante de Vilagarcía, acto no que estivo acompañado pola Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride.

Na súa intervención, Pérez Touriño indicou que o Goberno que preside está “absolutamente comprometido” coa corrección “do déficit insoportable” que acumula Galicia en materia de solo empresarial. Por iso, explicou que a Xunta está a poñer “os mellores recursos e os máis grandes esforzos” para crear de xeito “rápido e efectivo” solo empresarial. Así, avanzou que nesta lexislatura se van a habilitar 20 millóns de metros cadrados ao que se sumará unha cantidade igual, que quedará programada para executar na seguinte lexislatura. Para iso, incidiu en que o Goberno galego mobilizará máis de 2.000 millóns de euros.

A este respecto, o presidente da Xunta salientou que na área de Vigo se crearán“no futuro inmediato” 6 millóns de metros cadrados dedicados a utilización empresarial. Touriño destacou entre os proxectos que se están a executar na zona a plataforma loxística Salvaterra-As Neves e os parques empresariais de Mos e Ponteareas. Ademais, destacou que en toda a provincia se habilitarán outros tres millóns de metros cadrados de solo industrial.

Saneamento de augas residuais

En materia de saneamento, Pérez Touriño sinalou que o seu Goberno herdou un grande déficit pero salientou que co esforzo de todos este” reto pendente” “se superará de xeito inmediato”. Así, indicou que a Xunta está a licitar o saneamento e depuración completo das augas das rías galegas. Para o que se realizará un investimento de 228 millóns de euros que xa están programados e cuxas primeiras partidas se habilitaron nos orzamentos de 2007.

Con estes fondos se construirán 20 novas depuradoras, ademais da gran estación de Vigo, que permitirán que todos os núcleos de máis de 2.000 habitantes teñan garantida plenamente a depuración das súas augas residuais. Esta medida beneficiará a máis de 300.000 habitantes que na actualidade non teñen resolto este problema.

O xefe do Executivo galego manifestou a súa confianza en que a plena colaboración dos axentes económicos e sociais e os Concellos permitirá acadar este “grande obxectivo nacional” nesta mesma lexislatura.

Infraestruturas e transportes

Nesta materia Pérez Touriño destacou que ao longo deste ano Galicia contará cun Plan Director de Infraestruturas e un Plan de Estradas de xeito que a Comunidade contará cun mapa no que queden definidas, programadas e comprometidas as grandes infraestruturas de comunicación pendentes. Segundo informou, estas obras contan cun horizonte de realización que vai ata o ano 2013.

Entre as infraestruturas máis salientables, o presidente aludiu á construción da autovía do Salnés, a autovía Vigo-Pontevedra e a autovía do Barbanza, así como a vía de alta capacidade Marín Bueu e o corredor de Tui, no que atinxe á provincia de Pontevedra. Polo que respecta ao norte de Galicia, o titular da Xunta referiuse á execución das autovías Santiago-Brion e Ferrol-Vilalba, así como a vía de alta capacidade da Costa da Morte, a Vía Ártabra e a terceira rolda de circunvalación da Coruña.

Segundo o máximo mandatario galego, con estas actuacións as grandes áreas metropolitanas e urbanas poderán mellorar a súa mobilidade e accesibilidade, e se conseguirá garantir “o salto adiante que Galicia necesita”.

Nova infraestrutura viaria do Salnés

NotaO titular do Goberno galego desprazouse ata Vilagarcía para presidir o acto de colocación da primeira pedra da Variante desta cidade. Unha estrada que xunto coa conexión do porto coa AP-9 permitirá que esta vila conte cunha circunvalación que xa estaba recollida no Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1986.

Para Pérez Touriño esta actuación, xunto con outras que se están a desenvolver na comarca, permitirán que o dinamismo económico do Salnés acade un salto moi significativo ao tempo que se mellora a mobilidade, a seguridade e a calidade de vida dos cidadáns.

O presidente tamén remarcou que as obras que impulsan a Xunta e o Ministerio de Fomento suporán un investimento superior aos 60 millóns de euros.

Pérez Touriño avanzou, ademais, que o estudo informativo da Autovía que unirá Vilagarcía con Pontevedra será sometida a información pública nun prazo de 15 días.

A Consellería de Política Territorial investirá un total de 31,5 millóns de euros na construción desta variante de Vilagarcía de Arousa e da estrada de conexión do ramal Cambados-Vilagarcía da Vía do Salnés co novo acceso ao porto (que está a executar o Ministerio de Fomento).

Estas dúas obras, que se prevé que entren en funcionamento na primavera do vindeiro ano, forman parte do conxunto de infraestruturas que, xunto coa actuación do Ministerio de Fomento, completarán a malla da rede viaria do contorno urbano de Vilagarcía. Todas elas constitúen un itinerario que permite non só evitar o paso polo núcleo urbano, mellorar a fluidez do tráfico e a seguridade viaria, senón tamén unha mellora dos accesos para o tráfico de longo percorrido. Na actualidade, a comunicación co interior de Vilanova realízase a través da N-640 que, na práctica, é unha travesía urbana ata a intersección coa PO-531.

A variante

A futura variante de Vilagarcía conta cun orzamento de 28,63 millóns de euros e un prazo de execución de 16 meses. Trátase dunha estrada con características de vía de alta capacidade que contará cunha lonxitude de 7,6 quilómetros e unha plataforma composta por dous carrís de 3,5 metros en cada sentido e dúas beiravías de 2,5 metros.

En canto ás súas obras singulares, a variante ten catro pasos superiores, nove pasos inferiores, dous viadutos sobre as vías do ferrocarril (un de 92 metros no seu inicio en Carril, e outro de 102 metros no final, que tamén salva a estrada N-640)

Esta VAC conectará, ao norte, coa estrada PO-548 Pontecesures-Vilagarcía á altura de Carril, e ao sur coas estradas N-640 Vilagarcía-Caldas e PO-531 Pontevedra-Baión, así como co novo vial de acceso ao porto de Vilagarcía que está a construír o Ministerio de Fomento.

Conexión da Vía do Salnés coa nova vía de acceso ao porto

A Consellería ten previsto realizar a conexión do ramal Cambados-Vilagarcía (da Vía do Salnés) co novo acceso ao porto que executa o Ministerio de Fomento a través de dous enlaces de nova construción (un deles permitirá a conexión en dirección AP-9 e o outro a conexión no sentido contrario, cara o centro urbano de Vilagarcía e o porto).

O primeiro dos enlaces, do que hoxe se colocou a primeira pedra, conta cun orzamento de 2,9 millóns de euros. Trátase dun treito de preto dun quilómetro e estará composto por dous carrís de 3,75 metros e dúas beiravías de 2,5 metros. Esta nova infraestrutura (das mesmas características que a VG-4.3 e a VG-4.2) iníciase na glorieta do enlace de Vilagarcía e remata na glorieta do enlace de Cornazo (previsto no proxecto do Ministerio de Fomento), e permitirá dirixirse cara a N-640 e a AP-9.

O outro enlace, que conectará na glorieta Fontecarmoa, ten como obxecto distribuír o tráfico en dirección ao centro urbano. Trátase dunha actuación que actualmente está en fase de expropiacións e que conta cun orzamento de 2,15 millóns de euros.

Nova infraestrutura hidráulica na ría de Arousa

En fase de explotación e beneficiando a todos os concellos da marxe dereita da ría de Arousa, existe o contrato de Xestión de servizo público para a xestión e explotación da rede de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, cun investimento de 10.967.153,44 euros, explotada pola empresa Espina y Delfín S.L. a 25 anos.

As infraestruturas hidráulicas na ría de Arousa inclúen os concellos de: Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Sanxenxo e Illa de Arousa.

Actualmente, están en execución ou tramitación as seguintes obras que, en conxunto, suman un investimento de 67.992.605 euros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (112-4.jpeg) O 112 Galicia rexistra os seus picos de emerxencia durante as tardes e noites de verán. Os meses estivais traen consigo un cambio nos hábitos da poboación galega: días máis longos, noites máis activas e un aumento significativo das incidencias xestionadas polo 112. Segundo os datos, as franxas horarias con maior demanda son as 15:00 e as 20:00 horas, coincidindo cun estilo de vida máis intenso e prolongado durante o verán. En 2023, o servizo rexistrou medias de 1.300 intervencións entre as 15:00 e as 16:00 horas, e case 1.500 (1.484) entre as 19:00 e as 20:00 horas durante xuño, xullo e agosto. Aínda que en 2024 houbo un descenso global de incidencias (233.289 anuais), estas franxas mantiveron cifras elevadas: máis de 1.000 chamadas á tarde e 1.200 á noite no mesmo período.
Foto de la tercera plana (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES