
En Villa Florentina de Cecebre, sede da Fundación Wenceslao Fernández Florez, foron presentados dous libros de poemas do músico e investigador cultural Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.
Mero, fundador de Fuxan os Ventos e A Quenlla, escribe poesía desde hai
moitos anos, téndose publicado recentemente os libros NA LONXITUDE DO
TEMPO e RECENDOS DE LUZ E SOMBRA. O primeiro deles, editado por Espiral
Maior, recolle o poemario que acadou o premio de poesía do Concello de
Viveiro, e o segundo (seis ducias de poemas máis un), publicado pola
Fundación Manuel María da Terra Chá.
Interviñeron na presentación Xosé Luis Rivas Cruz (Mini), compañeiro de
Mero en tódalas súas actividades culturais e musicais, o escritor e
activista cultural David Otero, o Director da Fundación Manuel María,
Alfonso Blanco Torrado, e coordinou o acto o xornalista Xulio Xiz. Leron
poemas de Mero o escritor Xoan Xosé Fernández Abella, e Mónica
(acompañada á guitarra por Miro Casabella). Presentou o acto Antonio
Montero, Directivo da Fundación Wenceslao Fernández Flórez.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.