Notas de prensa

A Secretaría Xeral de Comunicación inaugura o 12 de xaneiro de 2007 en París a exposición co legado fotográfico e fílmico de Cortázar

Fernando Salgado presenta en Santiago a producción multimedia ‘Cortázar en Galicia’. A montaxe que permanece na rede inclúe unha recreación virtual da exposición sobre o autor arxentino.

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, anunciou que o 12 de xaneiro de 2007 se inaugura en París a exposición que recolle o legado fotográfico e fílmico de Julio Cortázar. Así o dixo na presentación, no Club Internacional de Prensa, da produción multimedia ‘Cortázar en Galicia’, que inclúe unha recreación virtual da exposición que achegou a Compostela o patrimonio doado a Galicia pola viúva do escritor arxentino, Aurora Bernárdez, e que se puido visitar no Pazo de Fonseca e na Igrexa da Universidade.

O responsable de Comunicación da Xunta advertiu de que, pese ao peche das actividades do ‘Outono Cortázar, “non remata Cortázar nin a homenaxe e o recoñecemento que lle debemos”. Fernando Salgado lembrou que Galicia conta cun importante patrimonio que a converte “nun dos vértices do triángulo do legado” do escritor arxentino”. Trátase, dun conxunto de máis de 4.000 fotografías e películas rodadas en super 8 polo propio autor de ‘Rayuela’, aos que se suman cadernos e material diverso relativo ás viaxes de Cortázar a Galicia.

Salgado puxo o acento na intensa relación entre Julio Cortázar e Galicia, “tanto desde o primeiro Cortázar, a través dos exiliados, como Dieste, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, etc, como da súa primeira muller, Aurora Bernárdez”, que doou este patrimonio. O secretario xeral de Comunicación considerou que despois deste ‘Outono’, “Cortázar é un pouco máis noso, polos actos e a resposta que tiveron estes actos, e Galicia é un pouco máis cortazariana”. Valorou este feito como moi positivo, pois, dixo, “se ben somos extraordinariamente celosos da nosa identidade, temos tamén vocación de universalidade, e que mellor que un autor que escribiu palabras das máis fermosas que se escribiron sobre Galicia, nas súas viaxes dos anos 50”.

Como proba do éxito acadado polas actividades organizadas no marco do ‘Outono Cortázar’, Fernando Salgado, citou que máis de12.000 persoas visitaron a mostra
Ler imaxes: o arquivo fotográfico de Julio Cortázar, mentres que o ciclo de cine no que proxectaron filmes inspirados na obra do escritor superou os 2.000 espectadores. Ademais, referiuse ao éxito das xornadas de debate nas que participaron importantes expertos na literatura de Cortázar, tanto galegos como do resto do mundo.

Porén, para o secretario xeral de Comunicación, a principal proba do éxito do Outono Cortázar é o feito de que a exposición estea a ser reclamada “por todo o mundo”. Neste sentido anunciou que polo momento está decidido inaugurar unha versión reducida da mostra exposta en Compostela o vindeiro día 12 de xaneiro en París. A Fundación Caixa Galicia patrocinará a viaxe da exposición a París, mentres que, informou Salgado, o Instituto Cervantes fará posible que se proxecte tamén na capital francesa o ciclo de cine vencellado á exposición.

Por outra banda, e deixando aberta a posibilidade de exhibir o legado de Cortázar noutras cidades galegas, Fernando Salgado apuntou a posibilidade de que Madrid e Nova York sexan os futuros destinos da mostra, en exposicións que se organizarán coa colaboración do Instituto Cervantes.

O secretario xeral de Comunicación apuntou que se pretende prolongar no tempo a pegada do outono Cortázar, por unha banda a través do catálogo que está a piques de saír do prelo, e pola outra, a recreación virtual que permanecerá colgada en internet.

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, expuxo que a produción multimedia ‘Cortázar en Galicia’ está dispoñible na rede a través da páxina web do Centro Galego de Artes da Imaxe (www.cgai.org), e que pode visitarse en catro idiomas: galego, castelán,inglés e francés. Esta produción recolle textos e imaxes tanto da súa obra, traxectoria vital e artística como do seu paso por Galicia.

Fernández Iglesias explicou que é un gran entorno multimedia con constantes alusións tanto a títulos de obras do autor, (especialmente a Rayuela, que nos serve de menú de navegación nalgúns apartados) e dividido en catro apartados: unha aproximación á súa traxectoria vital e profesional; un espazo dedicado á relación de Cortázar con Galicia, tanto nas viaxes como nos contactos cos exiliados; a recreación virtual da exposición vista en Compostela; e varias animacións inspiradas nas obras máis importantes do escritor arxentino.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O Banco de España acaba de publicar os datos oficiais de débeda pública correspondentes ao peche do exercicio 2025. Nese período, Galicia reduciu a súa ratio de débeda ata o 13,9 % do seu PIB, o que representa a ratio máis baixa dende 2012. Deste xeito, Galicia situase como a cuarta comunidade autónoma de réxime común con nivel de débeda máis baixa e cun diferencial con respecto á media das CCAA de 6,3 puntos porcentuais. A ratio de débeda das CC.AA. situouse no 20,2 %. Logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente dos seus ratios de endebedamento. Así, desde a pandemia, ano 2020, reduciu a ratio case seis puntos, pasando de 19,6 % ata o 13,9 %.
Foto de la tercera plana (20260331-01.jpg) A implantación da recollida separada de materia orgánica consolídase como o piar fundamental para que Galicia cumpra cos obxectivos ambientais europeos. Dado que os restos orgánicos representan case o 40 % do lixo doméstico, a súa correcta xestión é a chave para baleirar os vertedoiros e xerar compost de alta calidade que retorne á terra como fertilizante. A día de hoxe, o compromiso galego con este sistema é evidente: 295 concellos xa contan con métodos específicos para os biorresiduos.

Notas

A Primavera Cultural da USC regresará á volta de Semana Santa con diversas citas nas que a tradición e a vangarda camiñan collidas da man. Así, o talento musical emerxente darase cita o 8 de abril na final da terceira edición do Certame de grupos musicais da USC. O 9 de abril será a quenda do Curso de Primavera, na Facultade de Humanidades de Lugo; do concerto de Kid Mount + ünder & Diego Flâneur na lucense Praza de Santa María; e do V Tradi-Fest, no Xardín das pedras que falan en Compostela.
Lori Meyers é unha das bandas máis recoñecidas do indie pop estatal, que regresa a Vigo tras oito anos sen actuar en grandes formatos na cidade. Coti achegará ao Galicia Fest algúns dos seus temas máis coñecidos, convertidos xa en auténticos himnos xeracionais. O artista suramericano chegará a Vigo tras completar unha xira por arxentina
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES