
A Aula de Teatro da Universidade de Santiago estrea este martes, día 19, a súa última produción teatral Trufaldino, servidor de dous amos, de Carlo Goldoni, nunha sesión que vai ter lugar no Teatro Principal ás 21:00 horas
Trufaldino, servidor de dous amos é un espectáculo centrado no traballo de actor onde conviven ao tempo o valor literario do texto de Goldoni e a improvisación nun difícil equilibrio, para contar unha historia de enredos na que o importante reside en como contala. A compañía da Aula de Teatro xa foi convidada a presentar este traballo en diversos festivais, entre outros, no prestixioso International University and College Theatre Festival in Valleyfield, en Canadá.
Ao longo destes dous últimos meses os alumnos da Aula de Teatro estiveron traballando sobre o uso do corpo na farsa e a depuración dos códigos da comedia da arte, no que vén ser o último traballo da triloxía dedicada á farsa que centrou o estudo da última promoción de actores.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.