Notas de prensa

Só o 8% dos contratos asinados polas mulleres galegas son de carácter indefinido

O conselleiro de Traballo presentou o ‘Informe da situación da muller no mercado de traballo galego’. O estudo revela que por cada 100 euros que cobra un home, unha traballadora no mesmo posto cobra 73, diferenza que aumenta en relación directa ao nivel de responsabilidade. O informe constata a existencia dunha importante bolsa de mulleres en idade de traballar que nin sequera se animan a buscar emprego.

En Galicia os contratos asinados por mulleres en 2005 representaron o 45,9% do total, en virtude dun incremento respecto ao ano anterior de 10.258 contratos. Non obstante, este incremento cuantitativo non se corresponde cunha mellora cualitativa da situación, porque só o 8,15% dos contratos das mulleres era de carácter indefinido. É máis, case o 30% dos contratos estables asinados por mulleres son a tempo parcial, unha proporción que triplica á dos homes (9,5%).

Estes son algúns dos datos do Informe da situación da muller no mercado de traballo galego, presentado en Santiago polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, acompañado polo director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca. O documento, elaborado polo Instituto Galego das Cualificacións, constata con cifras que “as mulleres sofren en maior medida cós homes o desemprego, a inactividade laboral, a precariedade e o encadeamento de contratos e prórrogas sucesivas”, explicou o conselleiro, quen precisou que as traballadoras “acceden fundamentalmente a un determinado tipo de ocupacións, ás categorías profesionais máis baixas e, en moitos casos, con retribucións inferiores ás dos homes”.

De feito, o estudo corrobora que de cada 100 euros que gaña un home, no mesmo posto de traballo unha muller percibe só 73. Trátase ademais dunha diferenza que se incrementa de forma sucesiva a medida que os postos suben de nivel e responsabilidade. Así, “o persoal directivo feminino cobra o 68,5% do salario dos seus homólogos varóns”, espuxo Varela.

Análise dos últimos anos

O conselleiro de Traballo explicou que o Informe da situación da muller no mercado de traballo galego foi documentado a partir dos indicadores máis representativos do mecado de traballo (actividade, emprego, desemprego e contratación), coa finalidade de comprobar a evolución experimentada nos últimos anos. Destacou que o departamento que dirixe ten moi presente que a Unión Europea estableceu no Cumio de Lisboa de 2000 unhas metas concretas para 2010: “Conseguir acadar unha taxa de emprego do 70% para a poboación en xeral e do 60% para as mulleres”.

Neste sentido, Varela constatou que a taxa de actividade das mulleres galegas “non recortou diferenzas con respecto á taxa de actividade masculina nos últimos anos”, pois representa o 44,8% fronte ao 61,5% dos homes. Trátase dun desaxuste, dixo, que se debe fundamentalmente “á existencia dun gran número de mulleres en idade de traballar que nin sequera se anima á busca de emprego ante as escasas oportunidades da economía en xeral e do sector servizos en particular, principal empregador deste colectivo”.

As traballadoras galegas en cifras

O conselleiro tirou das cifras para amosar a situación: o ano 2005 concluíu con 109.521 galegas inscritas coma demandantes no Servizo Público de Emprego, o que supón un descenso de case 2.000 desempregadas respecto ao ano anterior. “Con todo, a taxa de paro rexistrado correspondente ás mulleres galegas sitúase practicamente no 20% da poboación activa, algo máis do dobre que a masculina (9,6%)”, apostillou. Varela engadiu que no Estado a taxa de paro feminina é moito maior cá masculina, pero “aínda así está 4,4 puntos por debaixo da galega, o que demostra a gravidade do caso galego en canto á situación do desemprego feminino”.

Varela puntualizou que as mulleres galegas supoñen o 50,2% da poboación en idade de traballar (entre 16 e 64 anos). En agosto de 2006, as mulleres supuñan, sen embargo, só o 42,7% do total de afiliados á Seguridade Social. Pola contra, os datos de paro rexistrado no mesmo mes revelaban que as mulleres constituían o 63,8% do número de parados.

En relación co tipo de contrato que asinan, as mulleres representan o 40,8% dos traballadores con contrato indefinido e o 48,8% con contrato temporal.

Medidas para revertir a situación

Ricardo Varela destacou que o proxecto de Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, en trámite parlamentario, é o instrumento clave co que o Goberno autonómico pretende revertir a situación das traballadoras galegas. Non obstante, recordou que o departamento que dirixe está a aplicar medidas concretas para incrementar as oportunidades das mulleres, a través de protocolos de colaboración con empresas e entidades para a incorporación laboral de mulleres vítimas de violencia ou para introducir traballadoras en ocupacións tradicionalmente masculinizadas.

Neste sentido, o principio da transversalidade é un piar primordial da política da Consellería de Traballo, tal e como recolle o proxecto de Lei do Traballo en Igualdade. O obxectivo, explicou Varela, é que a perspectiva de xénero se incorpore “a todas as políticas, en todos os niveis, en todas as etapas”, o que supón a súa consideración tanto en convenios de colaboración, como na programación de formación ocupacional, por exemplo.

O titular de Traballo subliñou ademais a súa aposta pola discriminación positiva, coa finalidade de promover a implicación das empresas en favor da mellora laboral da muller. De aí as subvencións á contratación de desempregadas de longa duración ou de mulleres responsables de familias monoparentais, por exemplo, así como para a contratación de mozas menores de 30 anos.

Por outra banda, recordou que a Consellería de Traballo está complementando a bonificación estatal para incentivar a cotitularidade das explotacións agrarias, dirixida ás mulleres que se dean de alta no Réxime Especial Agrario da Seguridade Social.

Orzamentos de 2007

O conselleiro de Traballo informou de que os orzamentos do seu departamento para 2007 inclúen unha partida de 50 millóns de euros para a promoción do emprego feminino; 30 millóns para fomentar a estabilidade laboral das mulleres; 50 millóns para formación laboral (dirixidos sobre todo a incentivar a súa presenza en ocupacións nas que se atopan subrepresentadas); e 8 millóns para mellorar a situación da muller no cooperativismo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2006-12-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES