O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, asinou en Santiago o convenio do Plan Tarifa 2005 coas empresas eléctricas Unión Fenosa e Barras Eléctricas Galaico-Asturianas (Begasa) e coa Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía Eléctrica (APYDE), un acordo que permitirá a execución de melloras eléctricas en todo o territorio galego.
Segundo explicou o conselleiro, o convenio que permitirá mellora a calidade do servizo en alta e media tensión e optimizar o control de tensión nas redes de transporte contará cun orzamento de 16,9 millóns de euros, dos que Innovación e Industria e o Ministerio de Industria asumen o 20% cada un, e o 60% restante será achegado polas propias empresas. En relación ao ano anterior, o incremento medio no investimento alcanza o 179,20%, pasando dos 6 millóns de euros aos 16,9 millóns, o que significa un investimento 2,7 veces máis alto que no convenio de tarifa anterior.
Do investimento total, 11,5 millóns serán dedicados a plans de mellora da calidade da subministración eléctrica e os 5,4 millóns restantes dirixiranse aos plans de control de tensión. Tendo en conta a distribución por empresas, cómpre subliñar que un total de 8,9 millóns de euros serán investidos en obras desenvolvidas por Unión Fenosa; outros case 4,6 millóns corresponde a actuacións de Begasa, e preto de 3,5, a APYDE.
No tocante á distribución territorial dos fondos, o 20,10% estarán dirixidos a proxectos a executar na provincia da Coruña; o 30,56%, a proxectos na provincia de Lugo; o 13,75%, a proxectos en Ourense; e o 35,59% restante, a proxectos a desenvolver na provincia de Pontevedra. As actuacións desenvolveranse en máis de 70 concellos.
O conselleiro nacionalista explicou que este convenio enmárcase dentro da Estratexia Energos, a resposta de Innovación e Industria aos retos formulados no campo da enerxía para o período 2006-2009. Fernando Blanco lembrou que esta estratexia define perfectamente os ámbitos de actuación, centrando a liña Energos I na xeración, a Energos II, no desenvolvemento das infraestruturas enerxéticas, e a Energos III, na formulación e implantación de políticas de aforro e eficiencia enerxética.
Concretamente dentro de Energos II, formúlanse dous programas de actuación, o de gasificación e o de electrificación. Ao abeiro do primeiro, a consellaría xa ten asinados convenios con Gas Galicia e con Repsol para os vindeiros anos; e dentro do segundo, xa se concretou o plan de electrificación por medio dun gran número de actuacións, como o convenio de calidade de subministración ou o de Tarifa 2005 xa rubricado.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.