Notas de prensa

Losada anima a que o deporte galego siga contribuíndo a construír unha Galicia aberta, forte e gañadora

O secretario xeral da Vicepresidencia e a secretaria da Igualdade participaron na entrega dos II Premios Galicia de Xornalismo Deportivo.

“O deporte galego ten que seguir contribuíndo a construír a identidade do país que queremos ser: unha Galiza aberta, forte e gañadora”. Así explicou o secretario xeral e de Relacións Institucionais, Antón Losada, a importancia do mundo do deporte para a conformación da identidade dun país. Losada lembrou que o deporte é un espello no que se mira a sociedade, “un espello que reflicte a sociedade”, polo que, moitas veces, vendo o deporte se pode apreciar como pensa unha sociedade e cales son os valores que a constitúen. Neste sentido, Antón Losada sinalou que no deporte galego se pode ver unha sociedade galega aberta, plural e tolerante, “unha sociedade que sabe gañar, orgullosa da nosa identidade”.

O secretario xeral da Vicepresidencia reiterou que en Galiza o deporte xa ten aportado moito á construción da nosa identidade e pode seguir contribuíndo nos valores do esforzo, da tolerancia e da solidariedade. Antón Losada fixo estas declaracións esta tarde ao clausurar a entrega dos II Premios Galicia de Xornalismo Deportivo, que tivo lugar no Hotel Peregrino en Santiago.

Colaboración

Os Premios Galicia de Xornalismo Deportivo concluíron a súa segunda edición, na que por primeira vez se convocou o Premio á igualdade e á integración da muller na vida profesional xornalística deportiva en Galiza, que recaeu nas profesionais María José Fernández Azpeitia, Ana María Carragal García e Lis Franco. Este galardón é froito dun protocolo de colaboración asinado en maio deste ano entre a Vicepresidencia e a Federación Galega de Prensa Deportiva para a realización conxunta dos Premios Galicia de Xornalismo Deportivo 2006. O obxectivo desta colaboración é contribuír a unha maior difusión dos valores da igualdade, da participación e da integración, a través dos traballos referidos ao xornalismo deportivo.

No transcurso do acto, a Federación Galega de Prensa Deportiva entregou ademais á secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, un premio pola súa colaboración para levar adiante estes galardóns.

Premiados

Na categoría de prensa escrita, os II Premios Galicia de Xornalismo Deportivo galardoaron ao grupo xornalístico Terceiro Tempo ao ter en conta a súa longa traxectoria como iniciativa xornalística a prol do deporte galego. En canto á categoría audiovisual, o galardón foi para “Eloxio da soidade” (70 anos de fútbol) da Televisión de Galicia polo seu compromiso en rescatar e valorar a esencia do fútbol galego.

O xurado premiou, na categoría de radio, a cobertura informativa de Radio Voz Galicia da Volta Ciclista a España 2005 polo esforzo persoal e empresarial para lograr que un evento desta magnitude poida chegar aos oíntes de Galiza a través da produción propia. No eido da fotografía, a cobertura da “Carreira Pedestre” de Antonio Hernández Ríos é premiado pola súa capacidade para transmitir a grandeza do deporte popular. O xurado galardoou ao portal “Galicia Navega” Volvo Ocean Race da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta, tendo en conta a calidade da produción e a promoción dende Galiza deste evento deportivo. Os premios para a traxectoria profesional foron para Manuel García Castro “Magar” (Pontevedra), Vicente Leiracha Aneiros (A Coruña), Francisco Rivera Cela (Lugo) e Segundo Alvarado Feijoo Montenegro (Ourense).

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES