Notas de prensa

Un estudo da Egap demanda unha maior formación para atender a unha poboación inmigrante que en Galicia se duplicou en catro anos

O informe detecta as necesidades formativas dos empregados públicos na educación, a sanidade e os servizos sociais orientados aos estranxeiros. Os profesionais demandan capacitación para o ensino do galego, a mellora da relación cos pacientes inmigrantes ou a especialización dos servizos municipais.

Entre 2001 e 2005, a poboación estranxeira residente en Galicia pasou das 33.058 ás 69.017 persoas empadroadas en algún municipio galego. Este aumento, que máis ca duplica as cifras de hai cinco anos, esixe unha crecente necesidade de atención específica aos estranxeiros desde as Administracións Públicas e, por tanto, unha maior formación dos empregados públicos no tratamento da estranxeiría. Así o manifestou na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) Diego López de Lera, director do estudo que o Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais da Universidade da Coruña realizou para a EGAP sobre necesidades formativas e boas prácticas en estranxeiría nas Administracións Públicas.

O informe, que foi elaborado dentro do Plan de Formación Interadministrativo do Ministerio de Administracións Públicas, fai unha análise da situación da formación en estranxeiría entre os empregados públicos de Andalucía, Asturias, Cantabria e Galicia, e detecta as eivas e as demandas de formación dos técnicos na educación, a sanidade e os servizos sociais.

Segundo o escenario migratorio no que o informe basea as súas recomendacións, só dous de cada cen inmigrantes que chegan a España elixen Galicia como comunidade de residencia. Sen embargo, se á cifra de inmigrantes estranxeiros se lle engade a de emigrantes retornados e fillos de emigrantes con nacionalidade española, a poboación residente en Galicia que naceu no estranxeiro representa un 6% da poboación galega total, unas 160.000 persoas cunha socialización cultural distinta á autóctona. Esta pegada crecente da multiculturalidade en Galicia ten que se traducir, en opinión do experto, nunha maior formación específica dos técnicos encargados de prestarlles asistencia aos inmigrantes desde as Administración Públicas.

Galego para inmigrantes

No terreo educativo, as demandas formativas entre os empregados públicos diríxense de xeito prioritario á necesidade de introducir nos planos de estudio universitarios dos títulos de grao e postgrao o tema de interculturalidade e o máis específico da didáctica da aprendizaxe do galego como segunda lingua do inmigrante.

Este obxectivo incluiría a achega de destrezas que capaciten aos profesores para traballar cunha lingua distinta, como coñecer o sistema vocálico e a grafomotricidade do idioma materno do menor estranxeiro, e contar con recursos para acadar a súa correcta inmersión lingüística.

Entre o profesorado galego existe a inquedanza de cómo realizar esa inmersión lingüística do inmigrante de xeito que a aprendizaxe do galego sexa fluída e non se produzan interferencias con castelán, para o que compriría tamén a elaboración de materiais didácticos en galego. Igualmente, requírese unha formación previa do profesorado de apoio ás minorías étnicas nos centros cun elevado número de estranxeiros, xa que en moitos casos non teñen ningunha experiencia de partida á hora de traballar con este alumnado.

Outra cultura sanitaria

En canto á sanidade, as necesidades de formación dos profesionais que traballan nos centros públicos apuntan á articulación dun protocolo de atención ao paciente estranxeiro acorde coa súa idade e o sistema sanitario do que procede. Ademais, demándanse accións formativas que permitan un maior coñecemento da concepción da saúde que ten cada colectivo de inmigrantes, para adaptar a resposta médica ás distintas visións culturais destes pacientes.

Así mesmo, reclámase reiteradamente formación nas patoloxías médicas que afectan especialmente a estes colectivos, e información sobre os seus sistemas sanitarios. Paralelamente, sería desexable unha capacitación que permita identificar os problemas de saúde mental en pacientes estranxeiros.

Formación social e lexislativa

Os técnicos municipais en servizos sociais, pola súa banda, amosan unha grande demanda de formación en materia de estranxeiría no aspecto social e lexislativo, e reclaman a posta en marcha dun curso de postgrao sobre a atención aos inmigrantes.

O informe estima imprescindible incluír a atención á población estranxeira nos cursos de formación que imparten os concellos, que son as administracións públicas sobre as que máis directamente recae a atención aos recién chegados. En todos os casos, demándase o coñecemento doutras experiencias e programas de intervención social que se realizan noutros concellos e comunidades autónomas, e insístese na necesidade de que a formación teña sobre todo un contido práctico.

Estranxeiría en datos

O estudio lembra tamén algúns dos datos que reflicten a realidade demográfica da inmigración en Galicia. Da inmigración procedente do estranxeiro, a metade procede de Latinoamérica, seguida en importancia polos estranxeiros europeos, que representan un 35% do total, e polos de orixe africana, que supoñen un 9%.

Por países, o colectivo máis numeroso é o de portugueses, con máis de 13.000 persoas das que 8 de cada dez residen en Pontevedra e Ourense e representan o 18% dos inmigrantes que non teñen nacionalidade española (como é o caso dos descendentes de emigrantes galegos). O segundo colectivo en importancia numérica é o colombiano, con case 8.000 persoas (11% da estranxeiría en Galicia), dos que 7 de cada dez residen nas provincias de A Coruña e Pontevedra. O brasileiro supón o terceiro continxente (un 9%), con máis de 6.000 nacionais vivindo sobre todo nesas dúas provincias. Séguenlles arxentinos (8%), uruguaios, venezolanos e marroquís.

Na súa distribución polo territorio, un 39% viven na provincia de Pontevedra e un 34% na de A Coruña, e o 45% reside nas sete grandes cidades: máis de 11.000 en Vigo (17% do total), preto de 8.000 na Coruña (11%), entre 3.500 e 2.500 en Ourense, Santiago e Lugo (entre un 5% e un 4% do total galego), e 1.300 en Ferrol.

à inauguración da xornada asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, e o director da EGAP, Antonio Izquierdo.

Gabinete de Comunicación da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, 2006-11-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES