
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño salientou que o XXII Cumio Hispano-Luso de Badaxoz consolidou definitivamente que a conexión de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto contará co mesmo carácter prioritario e estratéxico que a liña Lisboa-Madrid. Pérez Touriño fixo fincapé en que ata o de agora só a liña que unirá as capitais dos dous Estados tiña esta condición para ambos Gobernos. Deste xeito, os Executivos de España e Portugal comprometéronse no Cumio que finalizou en Badaxoz a dotar do mesmo horizonte de execución, o ano 2013, e da mesma prioridade a ambas as dúas unións, o que constitúe un salto cualitativo extraordinario.
En declaracións aos xornalistas tras a reunión do plenario do Cumio, o presidente galego tamén subliñou que España e Portugal acordaron presentar unha candidatura común para lograr a obtención de fondos europeos que financien a sección internacional do proxecto de AVE Galicia-Portugal. O presidente explicou que nos vindeiros meses se determinará se se considera sección internacional a extensión entre Vigo e Ponte da Lima ou só o treito O Porriño-Valença.
En todo caso, destacou que o Cumio acadou compromisos moi importantes no que respecta aos prazos. Así, indicou que o Ministerio de Fomento español comprometeuse a sacar a información pública en 2007 o estudo informativo dos treitos Vigo-Porriño e Porriño-fronteira portuguesa, ata chegar ao tramo internacional.
Pola súa banda, Portugal adquiriu o compromiso de iniciar en 2007 a tramitación da declaración de impacto ambiental do enlace de Braga coa fronteira galega, o treito máis complexo da conexión con Galicia, dado que contará cun novo trazado na súa totalidade.
Infraestruturas terrestres
Pérez Touriño tamén fixo fincapé na boa noticia que supón o compromiso para que antes de fin de ano estean licitadas todas as obras da autovía Verín-fronteira portuguesa. Antes de 2007 tamén estará licitada a ponte internacional sobre o río Támega, que será cofinanciada polos dous Estados.
Impulso á I+D+I
N a súa comparecencia, o máximo mandatario galego salientou a transcendencia de que os dous Estados asinaran hoxe o tratado internacional para a constitución do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, un centro que na súa opinión terá efectos intensos e creará un espazo de oportunidade na eurorrexión Galicia-Norte de Portuga- O presidente sostivo que a sinatura do tratado supón un paso de xigante, dado que constitúe a posta en marcha deste centro, cuxas obras comezarán en 2007. A tal fin, os dous Estados dedicarán o vindeiro ano 10 millóns de euros (cinco cada parte) para a construción deste centro, que estará situado en Braga e que terá como máximo responsable ao catedrático da Universidade de Santiago Xosé Rivas.
En materia educativa, Pérez Touriño salientou o acordo acadado neste Cumio para a creación de posgraos conxuntos nas áreas de nanomediciña e de ciencias mariñas para o curso 2007-2008. Nestes posgraos colaborarán as tres universidades galegas, así como catro universidades portuguesas e diversos centros científicos. O presidente adiantou que antes de fin de ano se asinará coas autoridades educativas lusas un convenio para por en marcha estes posgraos. Tamén indicou que ambos os dous Gobernos adquiriron o compromiso de financiar a mobilidade dos alumnos que queiran cursar estes posgraos, os primeiros conxuntos entre universidades da Península.
Colaboración científica
O xefe do Executivo autonómico explicou que no Cumio de Badaxoz tamén se acordou potenciar a colaboración científica mediante a interconexión das redes electrónicas de investigación e ensinanza de España e Portugal. Esta conexión canalizarase a través de dous puntos: Vigo-Valença, e Badaxoz-Elvas.
Ademais, informou de que os dous Estados acordaron a posta en marcha de forma inmediata da iniciativa IBERGRID, para o desenvolvemento dunha infraestrutura ibérica de cálculo distribuído. Acordouse celebrar anualmente unha conferencia IBERGRID, a primeira das cales terá lugar en Santiago de Compostela en maio de 2007.
Medio Ambiente
O presidente da Xunta tamén fixo fincapé no acordo dos dous Estados para estreitar a cooperación na prevención e loita contra incendios. Así, informou do acordo asinado para ampliar a banda de colaboración activa e traballo conxunto na prevención e loita contra incendios de 5 a 15 quilómetros ao longo de toda a fronteira.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.