Notas de prensa

Emilio Pérez Touriño chama a percorrer o camiño aberto por Chano Piñeiro para construír en Galicia audiovisual propio e potente

O presidente da Xunta entrega no Teatro-Cine Fraga de Vigo o primeiro galardón institucional do audiovisual galego a Alejandro Amenábar e José Luis Cuerda. A viúva do autor de ‘Sempre Xonxa’ recibe o premio de honra ao director como “acto de reparación e xustiza”.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño presidiu en Vigo a entrega da primeira edición do Premio Chano Piñeiro do audiovisual galego, onde chamou a “construír, cos ladrillos do talento, a imaxinación e a creatividade, un audiovisual propio e potente”. O máximo mandatario autonómico sinalou que o obxectivo do Goberno que preside é “percorrer o camiño aberto por Chano Piñeiro”, quen, engadiu “demostrou que, efectivamente, era posible facer cine en Galicia”.

No transcurso dunha gala celebrada no Teatro-Cine Fraga de Vigo, Pérez Touriño fixo entrega do premio Chano Piñeiro na modalidade de creadores foráneos, que lle foi concedida ex aequo a Alejandro Amenabar e a José Luis Cuerda. Ademais, María Luz Montes, viúva de Chano Piñeiro, recolleu o galardón honorífico do director.

Durante a súa intervención, o xefe do Goberno galego, lembrou que Chano Piñeiro era considerado como “o noso Lumière por fornecer dun cine medido en ferrados de corazón”. Remarcou ademais que foi a propia María Luz Montes a que lle regalou ao pouco de casaren un tomavistas “para traducir os soños en imaxes”, o primeiro paso para acabar converténdose nun “símbolo para a cultura deste país”, e “unha ilusionada bandeira a prol dun cine propio”.

Pérez Touriño destacou que con Sempre Xonxa, a primeira longametraxe galega de ficción, Chano Piñeiro foi quen “de levar á pantalla grande un filme galego, unha historia galega e unha lingua, cómo non, a galega”. Deste xeito, explicou, que a
Xunta decidiu poñerlle o nome do cineasta ao primeiro premio institucional do audiovisual galego.

Reflexo dun país vivo

O presidente da Xunta incidiu no desexo do Executivo autonómico de construír “un audiovisual propio e potente” e conseguir “que as imaxes galegas viaxen mundo adiante e amosen o verdadeiro rostro de Galicia”. “Que reflictan sen distorsións a feitura dun país vivo, ilusionado e competitivo que se propón situarse no mapa daquelas culturas e daqueles pobos que son donos da súa propia imaxe”.

Emilio Pérez Touriño asegurou que o Goberno que preside é plenamente consciente do valor do audiovisual “como canle para fixar a icona de Galicia e proxectala á cidadanía allea”. Ese é, explicou, o sentido do Premio Chano Piñeiro, que a Xunta pretende converter, nun incentivo de dobre dirección, por unha parte premiando o esforzo anual dos creadores galegos e, pola outra, premiar a quen, desde fóra das nosas fronteiras, transportan sinais da nosa identidade e da nosa cultura ás pantallas máis prestixiosas do mundo.

O máximo mandatario galego remarcou que na primeira das modalidades “cumpría facer un acto de reparación e xustiza con Chano Piñeiro”. Na segunda, afirmou que “José Luis Cuerda e Alejandro Amenabar teñen acreditado galeguidade suficiente para convertérense en acredores do noso país, porque desempeñaron un impagable papel de embaixadores da nosa cultura”.

Sobre José Luis Cuerda dixo o presidente da Xunta que “mudou a visión tópica que o cine español estaba a ofrecer de Galicia e das súas xentes”, cando, nos anos 80 dirixiu “con rigor e dignidade” O bosque animado, sobre a obra de Wenceslao Fernández Flórez . E repetiuno, lembrou Pérez Touriño, con ‘A lingua das bolboretas’, “unha entrañable historia de mestres e de cativos baseada en relatos de Manuel Rivas’, dixo.

No tocante a Alejandro Amenabar, o xefe do Goberno galego remarcou que co seu filme Mar adentro “voaron polas catro latitudes a terra e o salitre de Galicia’’. unha película que “traduciu en imaxes a crónica de Ramón Sampedro e a súa loita por unha morte digna”. Engadiu que nese traballo a materia prima obtida na canteira galega “plantexou un problema humano de alcance universal e consegiu asemade que a lingua de Rosalía se escoitase nos máis insospeitados recantos do mundo”.

Calidade humana e paixón polo cine

O presidente da Xunta destacou que os tres premiados comparten “a calidade humana e a paixón polo cine, con Galicia como pano de fondo”, e sumando a “fecunda contribución ao cine” do grupo Milladoiro –cuxas cancións amenizaron a gala desta noite-, afirmou que “o Premio Chano Piñeiro comeza a súa andaina con bo pé”.

Emilio Pérez Touriño amosouse convencido de que o Premio Chano Piñeiro “se vai consolidar en anos vindeiros”, servindo de estímulo para novos creadores, e rematou a súa intervención recuperando o consello que, “a modo de testamento”, deixou o creadores de Sempre Xonxa: “Non deixedes de inventar contos incribles, por favor. Seguide facendo películas. Quizais sexa o único xeito de sobrevivirdes. Porque, ¿que imos facer se non temos soños?”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-11-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES