Notas de prensa

AULIGA presenta El otro medio siglo (1950-2000). Antología incompleta de poesía iberoamericana

O VII Seminario de Tradución e Poética continúa con ponencias sobre fonética forense e o topónimo Rianxo.

A Asociación de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia (AULIGA) presentou na Biblioteca América da USC, en Santiago de Compostela, a obra El otro medio siglo (1950-2000). Antología incompleta de poesía iberoamericana, coordinada por Antonio Domínguez Rey e editada no selo Spiralia de Espiral Maior. Con este acto informativo ábrese o programa do VII Seminario Internacional de Tradución e Poética, que reunirá a máis de vinte autores en Rianxo (A Coruña) entre hoxe e o vindeiro sábado 25 de novembro.

Miguel Anxo Fernán-Vello, director da editora, destacou que “é a primeira vez que se publica unha antoloxía multilingüe coas cinco linguas ibéricas en pé de igualdade co castelán e o portugués-brasileiro” de Lationoamérica. Deste xeito, El otro medio siglo reproduce “un panorama completo e incompleto á vez” coa novidade de “representar todos os territorios das poéticas ibéricas –o vasco, o catalán, o galego, o portugués e o castelán- conxuntamente cos poetas iberoamericanos de expresión portuguesa e castelᔠde países como Arxentina, Cuba, Venezuela, Uruguai, Colombia, México, Nicaragua, Chile, Honduras, Costa Rica e Ecuador.

Ensaios explicativos para 108 autores

Segundo Fernán-Vello, esta publicación “non só é rica na catidade de poemas e textos de expresión poética que incorpora, senón tamén polos ensaios e estudos que os acompañan”. Subliñou ademais que se edita no selo Spiralia, creado para “actuar fóra de Galicia dende Galicia”, intervindo ó mesmo tempo en diferentes ámbitos da expresión lingüística. O director de Espiral Maior considerou “de xustiza poética” materializar dende a Comunidade galega este traballo que reúne a 108 poetas e que hoxe se presentou ha Biblioteca América, sede oficial de AULIGA, colectivo que, tras nove anos de andaina, eríxese xa coma un “proxecto maduro”. De feito, a Antología incompleta de poesía iberoamericana encádrase nesa tarefa de “creación de patrimonio literario e textual que se plasma na edición de libros coma unha vía de intervención no espazo americano”.

O presidente de AULIGA e director do Seminario Internacional de Tradución e Poética, Antonio Domínguez Rey, estimou “un orgullo” presentar “este volume de máis de cincocentas páxinas nas cinco linguas iberoamericanas no que a koiné derivada da parte galega representa case a metade” da obra, xa que o conxunto de autores galegos, portugueses e brasileiros suman un total de 46 poetas. O coordinador da iniciativa valorou o traballo dos antólogos, que houberon de “ter en consideración a unidade poemática dos textos”, a “substancia viva dun poema que ten unidade propia nada máis lelo”, para escolmar as composicións. Xustificou o título de El otro medio siglo porque os autores da primeira metade do século XX “son máis coñecidos”, e entre 1950-2000 hai moitos que “merecen selo”.

No espazo da Biblioteca América, Domínguez Rey indicou que a Galicia “lle corresponde tomar as rendas” do encontro entre os pobos culturalmente unidos polas linguas galega, portuguesa e castelá, obxectivo principal de AULIGA. O responsable de elixir os autores españois e galegos sinalou que a publicación dunha obra como a presentada hoxe era precisamente unha das inquedanzas da Asociación de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia dende os seus comezos, en 1997, e que “o ideal agora, tendo en conta as críticas, sería lanzar dentro de dous ou tres anos unha antoloxía de todo o século XX”.

Poetas vascos rupturistas e simbólicos

Pola súa banda, Patri Urkizu, membro da Academia Vasca e encargado de seleccionar os poetas en éuscaro da antoloxía, apuntou a valía de “buscar un acomodo a todas estas lenguas en el mercado internacional”, cuestión que “no despierta mucho interés en las ediciones comerciales”. El otro medio siglo incorpora cinco autores representativos da poesía vasca, que gozan dun “amplio consenso social” y que aportan “una ruptura con todo lo que se hizo anteriormente”, dende o punto de vista da lingua.

Urkizu remarcou que se trata de “autores simbólicos” cos que se pretende “dar una visión de conjunto de las diferentes escuelas”, pues son poetas “muy respetados por la mayoría de los críticos y de los lectores”, aínda que non obviou que no traballo do antólogo subxace unha aposta persoal.

Os responsables de El otro medio siglo (1950-2000). Antología incompleta de poesía iberoamericana destacaron que a obra recolle “un abano interxeracional do espectro histórico-poético”. José Ángel Valente, Claudio Rodrígez ou Arturo Maccanti son algúns dos autores que aparecen no apartado do castelán de España, mentres que no de América –elaborado por Gilberto Prado- xorden Juan Gelman, Olga Orozco ou Roberto Juarroz. Na sección catalá –preparada por Vinyet Panyella-, están Josep M. Llompart, Maria Beneyto e Pere Gimferrer, entre outros, e na vasca inclúense Juan Mari Lekuona, Gabiel Aristi ou Koldo Izaguirre. Manuel María, Uxío Novoneira ou Xosé Luís Méndez Ferrín áchanse no apartado galego e Eugénio de Andrade, Mário Cesariny ou Nuno Júdice no portugués, seleccionado por Annabela Rita. Eucanaã Ferraz e Eduardo Coelho elixiron os poetas brasileiros, entre os que están Affonso Ávila, Cacaso e Alexei Bueno.

Domínguez Rey e ‘O volteo das palabras’

Agora pola tarde, a actividade do VII Seminario Internacional de Tradución e Poética trasládase á Casa da Cultura de Rianxo, onde se desenvolverán as restantes sesións do encontro. Ás 17.45 horas, o presidente de AULIGA, Antonio Domínguez Rey, presentará as xornadas cunha ponencia sobre ‘O volteo das palabras’. A partir das 18.30 horas, o profesor Ramón Blanco Carril falará sobre ‘Fonética forense y criminalidad’ analizando casos concretos. Joaquín Cardidad Arias pechará o primeiro día de conferencias cunha exposición arredor de ‘Rianxo, un nome (topónimo) prerromano’.

José Yeray Rodríguez Quintana, da Universidad de Las Palmas, abrirá a sesión de mañá xoves ás 11.30 horas cunha ponencia titulada ‘El verso improvisado o crear a la fuerza’, mentres que o académico Patri Urquizu abordará a ‘Traducción y recreación en el teatro vasco’. Pola tarde, a partir das 17.30 horas, o profesor de Filoloxía Italiana Salvatore Bartolotta disertará sobre a ‘Traducción y variedades regionales’ e a poetisa Esperanza Mariño protagonizará un obradoiro arredor das súas composicións. Fernando Pérez-Barreiro Nolla, gañador do Premio Nacional de Tradución, pechará as conferencias do día 23 explicando o ‘Posmodernismo e posmaísmo na literatura chinesa actual’.

O VII Seminario Internacional de Tradución e Poética, organizado pola Asociación de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia, continuará desenvolvéndose na Casa da Cultura de Rianxo, con asistencia de balde, en sesións de mañá e tarde ata o vindeiro sábado 25, data na que se renderá homenaxe ó ex reitor da USC, Darío Villanueva. Na mesma xornada presentaranse as obras traducidas ó francés de Ánxeles Penas e de Xulio Valcárcel, así como a versión en galego dun libro de Bernard Noël, poeta convidado en 2005 por AULIGA.

Carmen Novas (Gabinete de Comunicación de Auliga), 2006-11-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES