Notas de prensa

A Dirección Xeral paa o Deporte desmente que se rebaixaran as subvencións aos clubs de piragüismo

O incremento das subvencións entre as últimas ordes ordinarias (2004 e 2006) é dun 33%. Ademais de subvencións a clubs, hai un importante incremento nos investimentos en instalacións deportivas para clubs de piragüismo.

A Dirección Xeral para o Deporte non rebaixou as axudas a clubs de piragüismo, senón ao contrario, xa que o incremento das subvencións entre as últimas ordes ordinarias é dun 33%. Ademais, nesta última orde, a Dirección Xeral estableceu, por primeira vez, criterios tendentes a fomentar a canteira, o deporte feminino e a integración a través do deporte.

No ano 2004 a contía das axudas a clubs foi de 99.000 euros e no ano 2005 a Dirección Xeral para o Deporte non repartiu ningunha subvención. Neste período, saíu unha convocatoria extraordinaria por parte da Fundación Deporte Galego con motivo do programa Galicia Navega, e que cubría tanto actividades coma equipamentos, pero que era unha medida especial con motivo da saída da Volta ao Mundo a Vela dende Galiza. Agora no 2006 volveu saír unha convocatoria ordinaria por parte da Dirección Xeral na que se repartiron 132.700 euros entre os clubs galegos. Desta forma, o incremento nas axudas a clubs entre os últimas convocatorias ordinarias (2004 e 2005) é dun 33 por cento.

Ademais, a colaboración co piragüismo galego non se limita ás axudas aos clubs, xa que a Dirección Xeral para o Deporte tamén incrementou de forma moi importante os investimentos en obras para clubs de piragüismo. Desta forma, no 2005 gastáronse 35.000 euros en obras, mentres que no presente exercicio o gasto vai ser de medio millón de euros. E todo iso sen contar o importantísimo investimento que se está a facer en Verducido para a construción da pista de piragüismo no embalse e o edificio de usos (1.700.000 euros no ano 2006), nos que se celebrará o próximo ano o Europeo de Augas Tranquilas e que despois quedará para a utilización dos palistas galegos.

A Dirección Xeral para o Deporte quere deixar ben clara a súa aposta polo piragüismo galego tentando chegar á maior cantidade posíbel de entidades.

Desta forma, con respecto á convocatoria especial da Fundación, na que só se apoiou a 22 colectivos, agora a axuda da Dirección Xeral para o Deporte chega a 38 clubs. Como mostra, o Club Fluvial de Lugo recibiu 6.500 euros no 2005 e no presente ano correspondéronlle 8.000 euros. No caso do club Castrelo de Miño careceu de axuda no pasado ano, mentres que no 2006 lle corresponderon 5.500 euros, e o Club Piragüismo Viveiro pasou de non recibir ningunha axuda no 2005 a ter unha subvención de 2.200 euros no presente exercicio.

Desta forma, queda claro que non se rebaixaron as axudas aos clubs por parte da Dirección Xeral para o Deporte que apoia de forma decidida aos clubs galegos que apostan pola base, que tentan fomentar o deporte feminino e a integración de todos os sectores no mundo do deporte.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, 2006-11-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES