Notas de prensa

Preto de 20.000 persoas achegáronse ao galego durante as xornadas de promoción da lingua na Expolingua de Berlín

Máis de cen visitantes asistiron aos mini cursos diarios de lingua galega que se ofreceron nas tres xornadas da feira. Conferencias, proxeccións audiovisuais e xornadas informativas centraron a actividade do expositor de Política Lingüística.

A Expolingua de Berlín 2006 pechou as súas portas cun balance de visitas superior ao de edicións anteriores. Durante as tres xornadas, preto de 20.000 persoas visitaron o recinto da feira coa intención de obter información da situación e das posibilidades de estudo das diferentes linguas representadas polas arredor de 150 entidades presentes na Expolingua.

O expositor destinado á promoción do galego, situado nun espazo compartido coas outras linguas cooficiais de España, ofreceulle ao público de diversas nacionalidades información sobre o idioma galego e o seu territorio. Estudantes de linguas foron os máis interesados nas posibilidades de achegarse á lingua galega en Alemaña a través dos lectorados existentes nas universidades de Berlín, Trier, e Heidelberg.

Máis dun cento de visitantes recibiron, ademais, leccións de galego ao longo das tres xornadas co profesor lector Antón Porto, nas que aprenderon algúns saúdos e frases básicas da nosa lingua.

Novos modos de promoción das linguas

A experimentación con novos modos de promoción das linguas do Estado foi unha das experiencias máis salientables da Expolingua de Berlín. Un espazo de deseño contemporáneo, o apoio dun actor de mimo para animar aos visitantes a interpretar as súas primeiras expresións nas diferentes linguas, a proxección de materiais audiovisuais presentando os distintos territorios de España con lingua propia, foron algunhas das novidades da edición deste ano.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto Cervantes, o Goberno vasco, Turespaña e o Instituto Ramón Llull presentaron ademais unha iniciativa pioneira para a promoción das linguas galega, vasca, española e catalá na Expolingua, consistente en crear unha especie de pasaporte lingüístico, que cada visitante debía selar en cada expositor despois de pronunciar algunhas frases en cada unha das linguas. Ese pasaporte completado ofrece a posibilidade de participar no sorteo dun curso intensivo de aprendizaxe dun dos idiomas do Estado. No caso da lingua galega, resultou gañador un estudante peruano que reside na capital alemá, que terá a oportunidade de asistir a un curso de verán en Santiago.

Intercambio de materiais e experiencias

A parte dunha oportunidade de promoción da diversidade lingüística do mundo, a Expolingua constitúe un lugar de encontro das institucións nas que compartir experiencias de ensino e de planificación lingüística. Representantes da Secretaría Xeral de Política Lingüística estableceron nestas xornadas contacto con diferentes institucións coa intención de intercambiar materiais e experiencias para a promoción e aprendizaxe das linguas.

Na xornada do sabado, ademais, ofreceuse unha presentación na sala de conferencias da Expolingua sobre a lingua de Galicia, que contou cunha numerosa asistencia.

Nesta edición da Expolingua, España foi o país convidado de honor. Foron máis de 20 as institucións procedentes de España con presenza na feira, das preto de 150 que se instalaron durante estas tres xornadas. Entre elas, atópanse academias de idiomas, institucións culturais e centros de intercambio de linguas. O programa científico que acompañou á exposición ofreceulles aos visitantes, a través de numerosas ponencias e presentacións, a posibilidade de coñecer máis de preto as posibilidades de aprendizaxe das linguas do Estado.

Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, 2006-11-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES