
O Parque Tecnolóxico de Galicia convértese esta semana nun gran laboratorio no que especialmente os máis pequenos poderán familiarizarse coa ciencia. O director xeral de I+D da Xunta, Salustiano Mato de la Iglesia, presentou esta mañá as actividades organizadas pola Tecnópole con motivo da Semana da Ciencia 2006, na que haberá dende unha exposición para investigadores noveis de toda España ata cine para gozar en familia.
As xornadas centrais da Semana están especialmente dedicadas á comunidade escolar, mentres que están convidados a achegarse todos os galegos que o desexen para coñecer a actividade que se desenvolve na Tecnópole a través da xornada de portas abertas.
Durante as tres xornadas rapaces e rapazas de toda España trasladaranse ás instalacións do Parque no concello ourensán de San Cibrao das Viñas para participar na primeira edición da Expociencia, unha experiencia nova que lles permitirá a rapaces a partir de 12 anos presentar os seus traballos de investigación acompañados dos seus titores.
Arredor desta mostra xiran outras actividades didácticas e divulgativas, coma os obradoiros, pensados para que os rapaces poidan achegarse ao método científico dunha maneira amena e próxima a eles. Haberá un de maxia química dirixido a alumnos de ESO e bacharelato no que se levarán a cabo trucos que en realidade ocultan fenómenos químicos e outro baseado nas técnicas do CSI.
Tamén a partir do xoves, os escolares acudirán en grupos organizados ao Planetario burbulla e os profesores asistirán a sesións formativas sobre unha metodoloxía contrastada e validada con éxito dende 1978 para integrar a investigación científica nos programas docentes, concretamente nos da ESO. Outra das actividades que se organizarán na Tecnópole con motivo da Semana da Ciencia é a exposición A través da enerxía, que permanecerá aberta dende o xoves ata o final do mes de novembro.
A Tecnópole participa nas actividades da Semana da Ciencia dende que se organizan en Galicia. Sempre en contacto coa comunidade empresarial e universitaria, o Parque Tecnolóxico aproveita nestas datas a ocasión de achegar o seu labor aos escolares e á sociedade en xeral, á vez que contribúe á extensión da cultura científico-tecnolóxica a través de actividades divulgativas de todo tipo.
Convenio con Caixanova
O director xeral de I+D da Xunta asinou un convenio co presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, polo que se estableceu a colaboración da entidade financeira co Parque Tecnolóxico de Galicia para o desenvolvemento de proxectos conxuntos.
Concretamente, o acordo suporá a cooperación entre ambas as dúas entidades en proxectos e accións específicas encamiñadas á potenciación dos sectores económicos nos que se desenvolven as empresas galegas en xeral e, de xeito especial, as situadas na área de Tecnópole.
Así mesmo, no marco deste convenio, Caixanova e Tecnópole estudan a posibilidade de crear novos servizos para as empresas situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia, sobre todo no ámbito das novas tecnoloxías e da formación, coas achegas e experiencias que neste sentido poida proporcionar a Escola de Negocios Caixanova, que continuará desenvolvendo os programas formativos de dirección empresarial que viña realizando.
Caixanova comparte con Tecnópole o seu afán por potenciar os sectores produtivos da provincia e para iso creou varios instrumentos en Ourense con este obxectivo. Trátase do Centro de Desenvolvemento Caixanova, que acolle a delegación ourensá da Escola de Negocios Caixanova, do Instituto de Desenvolvemento, e do Centro de Formación Profesional, que iniciou a súa actividade este curso cunha oferta de especialidades estreitamente vinculadas ás necesidades actuais da provincia.
As actividades da Semana da Ciencia 2006 están financiadas pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación 2006.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.