
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, acompañada do secretario xeral do seu departamento e da directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, continúa coa súa primeira viaxe oficial a Namibia. No marco desta visita, Carmen Gallego tivo a oportunidade de manter unha xuntanza cos representantes das empresas galegas con intereses neste país africano, en concreto na localidade de Walvis Bay, e coñecer as instalacións dalgunhas delas.
No ámbito do encontro, Carmen Gallego comunicoulles aos empresarios galegos o interese do seu departamento e do Goberno autonómico en fortalecer as relacións bilaterais entre Galicia e Namibia, xa que ámbolos dous países están a desenvolver múltiples proxectos de colaboración en materia de investigación, formación, seguridade alimentaria ou acuicultura.
A titular de Pesca insistiu de novo no empeño do seu departamento en formar parte dos traballos de prospección dos caladoiros namibianos, xa que estas investigacións son moi importantes para as industrias galegas radicadas neste país. Asimesmo, Carmen Gallego fixo especial fincapé na necesidade de fomentar o consumo de peixe entre a poboación local, algo ao que comprometeu o seu apoio perante o Primeiro Ministro, Nahas Angula, coa realización de campañas de promoción.
Pola súa banda, os empresarios galegos comunicáronlle á Conselleira a situación na que se atopan tras a reanudación da actividade, despois do paro biolóxico da pescada neste caladoiro durante o pasado mes de outubro. Así, os representantes galegos explicaron o grande esforzo que fixeron para poder facerse cargo dos salarios dos seus traballadores durante o tempo que durou a veda e manifestaron a súa pretensión de acadar unha estabilidade cos negocios que manteñen en Namibia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.