
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño trasladou as oportunidades de negocio que existen na actualidade en Galicia aos empresarios galegos afincados en Alemaña.
Durante o terceiro día da súa viaxe institucional a Suíza e Alemaña, e primeiro neste último país, o xefe do Executivo galego asistiu a un xantar con arredor de 40 empresarios galegos que residen no país xermano, no que trazou unha panorámica sobre as oportunidades para o intercambio económico e comercial con Galicia.
O presidente salientou que o convenio asinado con Caixanova, abre unha plataforma virtual, GAER, para que os empresarios galegos espallados polo mundo teñan un foro axeitado para o intercambio de experiencias, de coñecementos, de transvase de información e de oportunidades de negocio. Trátase dun instrumento que será útil e potente para seguir promovendo a colaboración entre os emprendedores galegos de todo o mundo.
Neste senso lembroulles que tanto o IGAPE como Xesgalicia traballan en bolsas de promoción exterior para xogar á internacionalización das nosas empresas. Ademais, incidiu en que o programa Emprendedores, nado o ano pasado, habilita créditos, subvencións e axudas ligadas a capital risco para que todo proxecto empresarial que pague a pena non quede sen apoio.
Na súa alocución, Emilio Pérez Touriño salientou que Galicia e Alemaña contan cun importante fluxo de comercio grazas, tal e como dixo o presidente, a que a galega é a economía máis aberta de toda España. Así, significou que as exportacións galegas ao país xermano achegaranse neste ano aos 400 millóns de euros mentres que as importacións a Alemaña acadarán uns 600 millóns de euros.
Galicia crece e avanza, e faino en estabilidade social, cohesión e crecemento económico e do emprego. Hai empresarios e posibilidades de traballo conxunto. Queremos que invistan aquí, en Alemaña, e saiban que en Galicia estamos desexosos de seducilos e atraelos para que emprendan alí actividade, explicou o presidente, quen incidiu no seu obxectivo de lograr que Galicia converxa coas rexións máis avanzadas de España e Europa nos vindeiros oito anos.
Para iso, o máximo mandatario autonómico, explicou que a aposta que está a facer o seu Goberno é potenciar a formación e a educación, así como a innovación e a capacidade de investigación, así como nas infraestruturas e a vertebración territorial e ambiental da Comunidade Autónoma. Nese proxecto de país, que debe superar a cultura da subvención pola cultura do coñecemento, do risco e a capacidade emprendedora, vostedes teñen un papel decisivo porque xa o viviron, dixo Pérez Touriño.
Este modelo, segundo concretou, está a dar os seus primeiros resultados. Así, destacou que Galicia crece a un ritmo do 3,9 por cento, dúas décimas por riba de España, o que non pasaba desde había moitos anos. Asemade, xera máis e mellor emprego , pasando dunha taxa de paro do 12 por cento hai pouco tempo, ao 7,3 por cento actual, cunha previsión de creación de emprego para o vindeiro ano de máis de 35.000 postos de traballo.
Ademais, salientou que Galicia contará ata 2013 con importantes recursos procedentes da Unión Europea, que cuantificou en máis de 3.600 millóns de euros. Uns fondos que se deben priorizar axeitadamente e que non se deben converter nunha chuvia fina diseminada polo territorio, senón que se deben dedicar aos grandes temas. Nestes últimos incluíu a conclusión das infraestruturas clave para o artellamento do territorio e, sobre todo, os investimentos en tecnoloxía, innovación, formación do capital humano e asesoramento a emprendedores.
Durante o xantar cos empresarios galegos, Emilio Pérez Touriño estivo acompañado polo presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.