Notas de prensa

O CGAI presenta o filme restaurado Ano Santo em Compostela, a segunda película máis antiga que se conserva sobre Galicia

Trátase dunha cinta muda de 20 minutos de duración que recolle imaxes do Ano Santo de 1915. A copia foi restaurada a partir de materiais de nitrato conservados na colección da Cinemateca Portuguesa-Museu do Cinema.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) presenta o xoves, día 16 de novembro, ás 12.15 horas, en sesión aberta aos medios, a copia restaurada de Ano Santo em Compostela, o segundo filme máis antigo que se conserva sobre Galicia. Trátase dunha película muda de 20 minutos de duración que recolle imaxes do Ano Santo de 1915, e foi restaurada a partir de materiais nitrato conservados na colección da Cinemateca Portuguesa-Museu do Cinema.

A importancia desta película é maior se se ten en conta que só se conservan outras dúas cintas producidas ou rodadas en Galicia con anterioridade a 1920: Botadura del Acorazado Alfonso XIII (Ibérico FIlms, 1913, 3 minutos) e Miss Ledyia (José Gil, 1916, 21 minutos), custodiadas ambas nos arquivos do CGAI.

A presentación de Ano Santo em Compostela enmárcase no programa do ‘X Seminario de Arquivos Fílmicos. Recuperar, identificar, catalogar, restaurar e difundir o cine producido antes de 1920’, organizado en colaboración coa Filmoteca Española, e que se celebra na propia sede do CGAI durante os días 15, 16 e 17 de novembro. Os Seminarios-Talleres de Arquivos Fílmicos veñen sendo organizados pola Filmoteca Española desde 1990 co obxectivo de perfeccionar e coordinar a actuación dos técnicos dos arquivos de imaxes en movemento existentes en España. Esta é a primeira ocasión en que se celebran fóra de Madrid, contando coa participación activa, mediante mesas redondas e conferencias, de representantes de distintos arquivos internacionais (Cinemateca Portuguesa, Cinemateca Brasileira, Filmoteca da UNAM-México, Cineteca Nacional de Chile), así como de prestixiosos especialistas europeos en restauración fílmica.

Este décimo Seminario-Taller céntrase na recuperación, identificación, catalogación, restauración e difusión do cine producido antes de 1920 e conta cós maís recoñecidos especialistas na materia, dende o seu coordinador, Alfonso del Amo (Filmoteca Española), o mexicano Iván Trujillo (Filmoteca UNAM), Carlos Wendel de Magalhâes (Cinemateca Brasileira), os directores das diferentes filmotecas nacionais (Chema Prado, da española, Roc Vilas, da catalana, José Luis Rado, da valenciana, ou Peio Aldazabal, da vasca, entre outros) e os seus xefes de arquivo.

No Seminario, que atende ás investigacións desenvolvidas sobre o estado de conservación do cinema mudo, preséntanse diferentes restauracións ao tempo que se achega unha visión completa acerca da relación arquivos-mundo académico, a difusión en salas e medios electrónicos do cine mudo, as diferentes coleccións de películas, os usos das fontes documentais e a catalogación e restauración das pezas proxectadas.

O seminario está dirixido preferentemente a arquivistas de cine e televisión, pero nesta ocasión ofértanse tamén vinte prazas gratuítas para estudantes de áreas afíns tales como Biblioteconomía e Documentación, Comunicación Audiovisual ou Historia da Arte. Estas solicitudes de asistencia deben de dirixirse ao correo electrónico [email protected], indicando nome e apelidos do solicitante, así como enderezo e teléfonos de contacto.

NotaANO SANTO EM COMPOSTELA

(Portugal, 1915)
Realización: Manoel Cardoso Pereira.
Produción: Invicta Film.
Investigación historiográfica levada a cabo por José María Folgar de la Calle, profesor de Historia do Cine da Universidade de Santiago de Compostela.
Dividida en tres partes, presenta vistas de Santiago de Compostela desde o monte do Pedroso, imaxes das peregrinacións que chegan á catedral, así como da procesión do Apostol.
A nova copia en 35mm quedará conservada no CGAI logo da súa presentación no X Seminario-Taller de Arquivos Fílmicos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-11-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES