
A asociación A golpe de pedal presentou en Vigo a "Gran Biciletada", unha marcha ciclista que o domingo 12 de novembro se celebra ás 11.00 h, simultaneamente en máis de 20 cidades do Estado, entre elas Vigo. O director xeral para o Deporte estivo na presentación e felicitou a A Golpe de Pedal polo seu traballo e "por ser ese azoute continuo e constante sobre as administracións para lembrarnos a responsabilidade de loitar por acadar unha cidade moito máis sa".
Domínguez Olveira anunciou no transcurso da presentación que a comezos do novo ano a Dirección Xeral para o Deporte vai encargar un estudo das sete grandes cidades galegas para ver a posibilidade de utilización das bicicletas neses municipios. Con este estudo como base, a Dirección Xeral analizará a posibilidade de crear zonas de carril-bici nas áreas máis axeitadas de cada cidade.
A fin de promover esta tendencia que anime á práctica da bicicleta, tamén se prevé a creación dunha liña de axudas con este fin, dirixidas aos concellos.
A marcha de Vigo parte ás 11.00 da mañá con saída e chegada da praza de América.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.