Notas de prensa

Pérez Touriño destaca que os emigrantes son a mellor embaixada da comunidade no mundo e que a Galicia de hoxe non sería posible sen a súa contribución

O presidente da Xunta recibiu en Santiago aos emigrantes galegos participantes no programa Volver.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que os emigrantes “son a mellor embaixada da comunidade no mundo” e que a Galicia de hoxe non tería sido posible sen a súa contribución. Así o sinalou no reecontro cos emigrantes galegos e galegas participantes no programa Volver, no que tamén estivo presente o secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez. “A Galicia de hoxe van poder ver que creceu e se modernizou, atoparán unha Galicia moi diferente á que vostedes contribuiron decisivamente e nada sería posible sen o seu traballo e o seu esforzo”, salientou Pérez Touriño. “Galicia sería impensable sen a emigración, xa forman parte da nosa identidade”, enfatizou.

O presidente da Xunta deulles a benvida aos participantes no programa Volver, nun acto celebrado na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, e recordoulles que son a mellor embaixada de Galicia no mundo. “A mellor embaixada da nosa identidade, da nosa lingua, da nosa tradición, da nosa forma de estar no mundo e do cal nos sentimos orgullosos, expresou.

Tal e como destacou Touriño, Galicia ten unha débeda impagable “con todos e cada un de vostedes” polo cal se comprometeu a que nunca lles faltará o compromiso da Xunta xa que, “xuntos seguiremos facendo país, contribuindo a un mundo mellor e a unha orde internacional máis xusta”.

O programa Volver

O programa Volver divídese en dous subprogramas; o programa Volver á terra e o programa Viaxes de Lecer. Este último trae a Galicia a 150 emigrantes procedentes de Francia, Holanda e España.

O programa Volver á Terra, promove o reencontro de 134 galegos e galegas emigrantes coa súa terra natal e coa súa familia. Este programa ten como obxectivo que os participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural como social, entrando en contacto coa realidade actual do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias co resto dos participantes.

Os 134 participantes da actual edición proceden de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela, sendo o primeiro país o que máis galegos aporta ao programa, cun total de 73 beneficiarios. A continuación están Uruguai con 34, Brasil con 16, e Venezuela con 6 e Cuba con 5. Todos os asistentes teñen máis de 60 anos. Os maiores son dous participantes que contan con 86 anos e residentes en Arxentina e Brasil.

Polo que se refire ao tempo da ausencia da terra, cabe destacar que todos eles levan máis de 15 anos fóra de Galicia, cunha media de 40 anos sen poñer os pés no país. É de subliñar o caso dun veciño de Fisterra que emigrou hai 73 anos, e desde non retornou a Galicia.

Tres meses de estadía
Esta edición do programa Volver á Terra desenvolverase ao longo de tres meses e terá dúas fases diferenciadas. A primeira consiste nunha estadía de dúas semanas na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense), en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas aos participantes e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un coñecemento da Galicia actual.

A segunda fase consiste na estadía cos seus familiares de Galicia ata completar un tempo máximo de tres meses.

Os participantes en Volver á Terra naceron nun total de 90 concellos, 30 correspondentes a provincia da Coruña, 14 a Lugo, 15 a Ourense e 31 a Pontevedra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES