
As eleccións na Federación Galega de Baloncesto celebradas no pasado mes de outubro deron como vencedor a Francisco Martín Micó. O director xeral para o Deporte recibiu ao novo presidente e tamén ao presidente saínte, Francisco García.
Durante o seu encontro, Santiago Domínguez transmitiulle ao novo presidente os seus mellores desexos para esta nova andaina. O director xeral ofreceulle a total colaboración da Dirección Xeral para o Deporte para traballar a prol do baloncesto galego. Francisco García, que agora abandona a presidencia da Federación, estivo tamén presente na recepción. Santiago Domínguez tivo palabras de agradecemento para o seu traballo continuado ao longo de 23 anos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.