Notas de prensa

Os orzamentos da Consellería de Pesca medran un 4'84% para 2007

Os orzamentos presentados seguen a reflectir o cambio na política pesqueira galega, mantendo o compromiso deste departamento cos colectivos que viven do mar.

Os orzamentos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o ano 2007 medran un 4,84% respecto a 2006, tal e como sinalou en Vigo a Conselleira, quedando o montante global para o vindeiro ano en 228.262.113 euros, dos que casi un 30% son fondos propios. Neste senso, Carmen Gallego explicou que a nova partida reflicte a importancia da pesca como sector estratéxico para o benestar e o desenvolvemento da nosa comunidade. Segundo quedou de manifesto na presentación dos novos orzamentos, o sector pesqueiro conta cun tremendo capital humán que é necesario ilusionar porque traballando no mar pódese desenvolver unha profesión de futuro, e a través de investimentos todas as poboacións costeiras galegas poden vivir e traballar no noso país. A responsable de Pesca insistiu en que temos un sector líder en Europa, dinamizador das poboacións do litoral, pero un sector que aínda sendo competitivo debe mellorar nesa competitividade. Nesta liña, explicou algún dos obxectivos que se perseguirán ao longo de 2007 como o establecemento de medidas que garantan o desenvolvemento da acuicultura no noso litoral en harmonía co respecto ao medio ambiente ou a posta en marcha de melloras socioeconómicas para os traballadores do mar.

Aposta pola industria

Para levar a cabo o desenvolvemento sostible da actividade acuícola, garantindo a concorrencia entre os posibles beneficiarios ou interesados na instalación destas industrias, a partida orzamentaria da Consellería de Pesca para acuicultura e desenvolvemento do Plan Galego ascende a 60 millóns de euros. Pola súa banda, de cara á modernización das industrias de transformación e comercialización o departamento que dirixe Carmen Gallego destinará no ano 2007 máis de 58 millóns de euros (58.600.000 euros), encamiñados a fomentar a competitividade das nosas industrias para axudalas a manter o seu liderado no sector.

Investigación e innovación

No que se refire á investigación, a pesca, como outras actividades, non se destaca pola súa alta tecnoloxía. Por iso, faise necesario un cambio de cultura nos empresarios do sector, para que vexan a I+D coma un factor estratéxico de cara ao futuro. Co fin de non hipotecar a independencia científica e tecnolóxica, e competir no desenvolvemento do noso tecido económico, é moi importante apostar por unha investigación básica. Deste xeito, na execución do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica xogará un papel moi importante toda a comunidade científica galega, sen exclusión de ninguén, tentando optimizar o valioso capital humano co que conta Galicia. Dentro do marco destas iniciativas cobran unha especial relevancia as actuacións dirixidas á execución do proxecto Cidade do Mar, en Vigo, como sede e nucleo fundamental e aglutinador das institucións e organismos científicos de todo o Estado, que favorecerán e optimizarán os coñecementos científico-técnicos do mundo do mar e dos seus recursos. O crecemento da partida adicada á investigación é un dos de maior crecemento xa que para o próximo ano a inversión da Consellería de Pesca neste eido vai medrar nun 61% ata acadar os seis millón de euros (6.770.600 euros).

Medidas socioeconómicas

A aplicación de medidas sociais xa anunciadas na anterior lexislatura, e unha vez concluido o periodo de análise, volven a ter unha grande importancia nestes orzamentos. Así, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos porá en marcha este ano o seguro de mal tempo, tralo estudo previo por zonas, e favorecerá a sinatura de plans de pensións para as mariscadoras. Estas accións se complementan coas levadas a cabo este ano de ampliación do seguro colectivo do mar a todos os mariñeiros galegos en calquera parte do mundo e aos tripulantes de buques que teñan porto base en Galicia, con independencia da súa rexión ou país de orixe. Estas iniciativas socioeconómicas contarán no ano 2007 cun orzamento superior aos sete millóns de euros (7.196.100 euros)

Nova política de recursos

O pasado ano, o departamento que dirixe Carmen Gallego puxo en marcha, a través da súa Dirección Xeral de Recursos, unha nova política de axudas, totalmente transparente, afastada do paternalismo do pasado. No 2007, a Consellería de Pesca continuará coas súas accións colectivas, apoiando as iniciativas que xurden do propio sector que, na súa maior parte, teñen que ver con aspectos como a rexeneración, a vixilancia, a procura de novas canles de comercialización ou o turismo pesqueiro. Para o vindeiro ano, Pesca destinará máis de nove millóns de euros a estes proxectos (9.122.908).

Para garantir a aplicación eficiente e eficaz dos fondos públicos, contratarase un gabinete técnico para a avaliación e seguimento das axudas outorgadas pola Consellería de Pesca.

Formación

A formación profesional marítimo-pesqueira, para o que este ano se destinan máis de oito millóns de euros, quere dar resposta formativa a un sector onde se está a levar a cabo un proceso de modernización coa implantación de novas tecnoloxías. Para que os futuros profesioanis adquiran as capacidades necesarias cómpre dotar aos centros e aulas de formación dos equipamentos necesarios. Neste senso, co programa posto en marcha pola Consellería de Pesca preténdese garantir o funcionamento básico e a continuidade da oferta pública de ensinanzas marítimo e náutico-pesqueiras nas súas diversas modalidades. Concretamente na formación profesional naútico-pesqueira de adultos, e os ciclos formativos de formación profesional específica de navegación, pesca, máquinas navais, cultivos mariños e mergullo profesional. Ademais, neste programa intégranse as ensinanzas de certificacións profesionais que se imparten nos catro centros de ensinanza da Consellería ubicados en Ferrol, Ribeira, Illa de Arousa e Vigo. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro será a encargada de poñer en marcha as accións que redunden na mellora da formación. O orzamento para esta partida será no 2007 de 5.857.427 euros, un 8,9% máis que este ano.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2006-11-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Este órgano está formado por 12 expertos de recoñecido prestixio, tanto a nivel galego como internacional, nos ámbitos científico, tecnolóxico, empresarial e das políticas públicas. Na actualidade a Comunidade despunta en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou a computación cuántica e acada numerosos fitos. O obxectivo deste consello asesor é apoiar e asesorar ao Executivo autonómico nas súas políticas públicas de I+D+i para seguir acadando éxitos e posicionando Galicia como un territorio de referencia nesta materia. As persoas que forman parte deste organismo, ademais do conselleiro, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, son cinco no eido da investigación, tres no das políticas públicas e catro no ámbito da innovación, empresa e emprendemento.
Foto de la tercera plana (medio_ambiente.jpg) Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que máis logrou reducir en 2024 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas en materia de clima. En concreto, a baixada rexistrada neste período foi do 68,5% fronte ao 12,8% no que se sitúa a media nacional. Os últimos datos oficiais dispoñibles volven situar a Galicia á cabeza da clasificación nacional en canto a redución de emisións netas. No período 1990-2024 Galicia logrou reducir en máis de dous terzos as súas emisións netas e tamén é a comunidade española que lidera a baixada de emisións GEI interanual, cun 9,8% menos que en 2023.

Notas

A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
O proxecto de investigación RESCLIM@TIEMPO que lideran a USC e a Universidade de Granada, no marco da colaboración permanente entre os grupos SEPA-interea da Universidade de Santiago e Eva-EASI da Universidade andaluza, organizan esta semana no Campus compostelán o I Congreso Internacional sobre Respostas Educativas e Sociais á Emerxencia Climática e VI Seminario Internacional RESCLIMA ‘Estamos a tempo? De que estamos a tempo?’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES