Notas de prensa

Touriño sostén que os investimentos portuarios na Coruña, Ferrol e Vigo marcan un antes e un despois e unha nova fronteira aos portos de Galicia

Indicou que os investimentos que se están a facer pretenden colocar a Galicia nunha posición competitiva nos tráficos marítimos internacionais para gañar “a batalla das autopistas do mar”.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que os investimentos que se están a realizar nas cidades da Coruña, Ferrol e Vigo permitirán marcar “un antes e un despois” e “unha nova fronteira” aos portos de Galicia, pois están a servir para “redeseñar o futuro histórico da fronte portuaria” da comunidade.

Así o destacou o Xefe do Executivo galego na Coruña durante a súa visita á autoridade portuaria da cidade e ás novas instalacións da lonxa coruñesa, á terminal de contedores, ao proxecto Medusa e ás obras de construción do Porto Exterior da cidade herculina en Punta Langosteira. Na súa visita estivo acompañado pola conselleira de Política Territorial, María José Caride, o delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras, o alcalde da cidade, Javier Losada, e o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda.

Espazo de oportunidade e de futuro

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico manifestou que os investimentos que están a realizar para construír o Porto Exterior da Coruña permitirán abrir un espazo de oportunidade e de futuro de “extraordinaria potencia” para o desenvolvemento socioeconómico da Coruña e a súa área metropolitana. Así, sinalou que as magníficas condicións de “enclave estratéxico” deste porto se están a sumar os traballos para posicionar o porto de xeito competitivo a nivel internacional.

Neses traballos, o máximo mandatario galego fixo especial fincapé nas obras de Punta Langosteira nas que se investirán máis de 500 millóns de euros cofinanciados en parte por fondos europeos. “Na Coruña, estamos rediseñando o futuro da fronte portuaria de Galicia. Estamos alumeando un gran porto exterior que marca un antes e un despois, e da unha nova fronteira aos portos de Galicia”, destacou Touriño, quen remarcou que esta ampliación permitirá gañar competitividade nos tráficos marítimos internacionais.

Xunto a esta grande aposta, Pérez Touriño situou os investimentos que se están a realizar na remodelación do “gran porto do sur” de Vigo, así como os de Vilagarcía e Marín e no conxunto de portos galegos. “Hai unha aposta decisiva para que Galicia gañe ese espazo que ata agora non puido gañar e consolidar amplamente, ese espazo atlántico, esa fronte portuaria”, sinalou.

Nesa liña, o presidente indicou que os investimentos que se están a facer pretenden colocar a Galicia nunha posición competitiva para gañar “a batalla das autopistas do mar”.

Proxectos para A Coruña

NotaAdemais da grande obra de Punta Langosteria, o xefe do Executivo puxo en valor os outros proxectos que se están a levar a cabo na cidade da Coruña. Así, indicou que o proxecto Medusa permitirá resolver o “impacto ambiental agresivo” provocado polas descargas do carbón no porto coruñés ao eliminar a emisión de partículas deste mineral a atmosfera.

A estes dous proxectos sumou o presidente a potenciación da lonxa e o establecemento dunha nova ruta para tráfico de contedores, “que está crecendo de forma significativa e que ten sen dúbida un desenvolvemento futuro moi importante”.

Ademais dos proxectos portuarios, Pérez Touriño salientou as melloras de accesibilidade e mobilidade que a Xunta está a acometer na cidade. A este respecto, resaltou a liberación da peaxe do treito A Coruña-A Barcala e os orzamentos consignados para a construción do vindeiro ano da terceira rolda de circunvalación da cidade e a vía ártabra, que permitirá mellorar a conexión da área metropolitana. “Trátase de dar saída e dun novo impulso ás necesidades da área metropolitana, de reinventar unha nova opción de crecemento. Son grandes inversións e o ano que vén recibirán toda a potencia que teñen que ter nos presupostos para o seu nacemento con intensidade”.

En terceiro lugar, o xefe do Executivo galego manifestou que o seu Goberno está “facendo os deberes” nun asunto vital para a cidade como é a depuración e o saneamento, capítulo ao que tanto o Estado como a Xunta dedican “cantidades inxentes” para a construción da estación depuradora de augas residuais e o emisario de Bens.

NotaFinalmente, Pérez Touriño referiuse aos investimentos en materia de vivenda e sanidade na cidade. Dentro dos primeiros salientou os 11 millóns de euros que se destinan á construción de vivenda no parque ofimático, na área do campus de Elviña e as máis de 360 vivendas públicas que se edificarán nos barrios de Eirís e Mesoiro. No eido sanitario, resaltou os 5 millóns de euros que se están a destinar para a ampliación e mellora da calidade do servizo sanitario e a compra de material tecnolóxico para o Juan Canalejo.

Unhas actuacións para a cidade da Coruña, en suma, ás que o Goberno galego dedicará nos seus presupostos para o vindeiro ano máis de 55 millóns de euros. “É un compromiso potente e extraordinario da Xunta para que a cidade e a súa área metropolitana teñan unha nova fronteira”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES