Notas de prensa

O presidente do Cluster da Automoción de Galicia presenta en Bruxelas a experiencia do Ceaga como polo de desenvolvemento rexional

Antonio Vega pronunciou unha conferencia no marco do Seminario Compartindo experiencias sobre desenvolvemento rexional, os clusters como exemplo de boas prácticas, polos de innovación e negocio, na sede da rexión austríaca de Steirmarck na capital belga.

O presidente do Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), Antonio Vega, presentou en Bruxelas a experiencia desta agrupación como polo de desenvolvemento rexional. Na súa comparecencia expuxo evolución desta experiencia que levou a incrementar entre 1997 e 2005 preto de 9.000 empregos nas empresas asociadas, un crecemento do volume de xestión de 1.766 millóns de euros e unha suba do 39% das vendas.

Vega fixo estas declaracións no seu relatorio dentro do seminario Compartindo experiencias sobre desenvolvemento rexional, os clusters como exemplo de boas prácticas, polos de innovación e negocio, que tivo lugar esta mañá na sede en Bruxelas da rexión austríaca de Steirmark, organizada polo consorcio de 11 rexións e cidades europeas liderado por Galicia. Esta actividade enmárcase na axenda da Semana Europea das Rexións e das Cidades-Open Days 2006, o evento rexional máis importante que cada ano organiza en Bruxelas o Comité das Rexións (CdR) en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea. Estes encontros celebraranse ao longo desta semana na capital belga e, ao mesmo tempo, en varias cidades europeas.

Na súa intervención, explicou a organización do Cluster, as liñas de actuación que están a desenvolver e adiantou que se está a ultimar o Plan Estratéxico do Sector do Automobil 2007-2013 para “seguir avanzando” e dar “un salto cualitativo” nesta área económica. O presidente do cluster declarou que é “moi importante” presentar a experiencia galega porque é un caso “de éxito”, posto que o sector da automoción “é cada vez máis forte na nosa comunidade” e valorou o feito de ter ocasión de compartilo e escoitar outras experiencias doutras rexións europeas. Para Vega, a creación do cluster impulsou a incorporación de novas compañías ao tecido económico galego e contribuíu ao desenvolvemento de alto valor estratéxico para a posta en marcha do Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG) en colaboración co centro de Vigo de PSA Peugeot-Citroën.

O Cluster en cifras

Segundo explicou Vega no seu discurso, o CEAGA xera máis de 23.000 empregos, o que supón preto do 14,4% do emprego industrial de Galicia, ten na actualidade unha facturación de arredor de 7.200 euros e representa o 34% do total das exportacións da Comunidade galega. Así mesmo, explicou que case 15 de cada 100 coches feitos en España proceden de Galicia e do Cluster da Automoción. Explicando a evolución vivida dende 1997 ata a actualidade, o presidente do CEAGA manifestou que nestes anos cuase duplicaran o número de membros, pasando de ter 38 aos 75 actuais.

Cinco casos concretos

A presentación do seminario e dos relatorios correu a cargo de Nikos Pantalos, da Dirección Xeral de Innovación e Industria da Comisión Europea, quen avogou por unificar e coordinar as actuacións e políticas no eido dos clusters tanto a nivel rexional e estatal como comunitario. Pantalos referiuse á necesidade de crear sinerxías sectoriais e adiantou que se está a realizar un estudo sobre clusters para avanzar nun proxecto de alianza europea de clusters, na que estarán representadas tanto as empresas como as administracións para traballar na misma dirección e cos mismos principios. Neste sentido, indicou que se ben as estratexias rexionais non poden aplicarse de xeito idéntico noutras áreas, si é posible reunilas en políticas sectoriais que beneficien as políticas transnacionais para impulsar accións no ámbito internacional.

Pantalos sinalou que a política dos clusters é un “grande reto para Europa” e invitou aos participantes ao encontro a ser imaxinativos e participativos, aproveitando ao máximo todas as ferramentas habilitadas polas institucións europeas a prol do desenvolvemento industrial e económico das rexións.

Tras a intervención de Pantalos e Vega tiveron lugar os relatorios de Helmut Wiedenhofer de Austria, do profesor da Universidade de Tecnoloxía e Agricultura da rexión polaca de Kujawsko-Pomorskie, Anotni Bukaluk; Gábor Gyorffy da Axencia de Desenvolvemento Rexional de West Pannonya (Hungría) e Bogdan Piaserki, profesor da Universidade de Lodz e director do Centro de Excelencia en coñecemento baseado en Economía de Lodz, Polonia.

Todos eles analizaron casos concretos e proxectos nos que participaran directamente. As súas intervención centráronse na innovación como xeito de fomentar o desenvolvemento rexional. Con este encontro preténdese coñecer outras realidades e tomar contacto con elas, estudando posibilidades de traballo conxunto nestas áreas de investigación e innovación.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-10-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES