
Inaugurouse na sede do Parlamento Europeo a mostra Xente no Camiño do pintor betanceiro Alfredo Erias. No acto de apertura, asistiron o presidente do Parlamento Europeo, Josep Borrell; o eurodeputado Antolín Sánchez-Presedo, o secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Santiago Gómez-Reino, a directora da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa; o alcalde de Betanzos, Manuel Lagares, e o responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Celestino Poza, entre outras autoridades e un nutrido grupo de asistentes entre os que se atopaba unha delegación de veciños de Betanzos e membros da prensa galega e da Asociación da Prensa da Coruña.
En total son 24 pinturas realizadas sobre táboa mediante técnica mixta que representan diversas personaxes de Galicia e do Camiño de Santiago na baixa Idade Media. A mostra permanecerá aberta ao público no terceiro andar do Parlamento Europeo ata o venres 13 de outubro.
Na temática, están especialmente representados suxeitos da provincia da Coruña. Cabaleiros, bispos e reis conviven nestas pinturas ao lado de notarios, doncelas, músicos, burgueses e acróbatas. Outras escenas remiten aos labores labregos propios de cada época do ano, aos peregrinos no seu camiño para Santiago de Compostela e a imaxes que reproducen as esculturas do Pórtico da Gloria da Catedral Compostela e doutros motivos desta mesma construción como é a imaxe da muller adúltera inserida na porta sur ou de Praterías.
A exposición foi organizada pola Deputación provincial da Coruña e conta co apoio do eurodeputado Antolín Sánchez Presedo. Con motivo da participación de Galicia na Semana Europea das Rexións e Cidades (Open Days 2006), que se está a celebrar setes días en Bruxelas, a Fundación Galicia Europa colabora na organización do acto de inauguración da mostra.
Sopro de brisa galega
O presidente do Parlamento Europeo, Josep Borrell, deu a súa benvida á delegación galega e agradeceulle ao artista que trouxera un sopro de brisa galega a esta institución europea.
Así mesmo, logo de facer un percorrido pola mostra, Borrell asegurou que Europa se fixo, en parte, arredor dese camiño, desas catedrais e das universidades na ruta a Compostela. Finalmente, asegurou que o Parlamento Europeo se sinte orgulloso de recoller esta mostra de vida desta nosa Galicia, que é de todos.
Pola súa banda, o eurodeputado galego Antolín Sánchez Presedo asegurou que detrás destas pinturas de Erias hai moita investigación e un grande especialista na Idade Media. Ao tempo, sinalou que son un símbolo posto que rescatan a todos eses protagonistas dos monumentos para facelos vivos e evitar que Europa se petrifique e facer que siga adiante.
Na súa intervención, o secretario xeral de Relacións Exteriores do Goberno galego, Santiago Gómez-Reino, asegurou que esta mostra incardínase dentro do traballo que lle encargaron ao tomar posesión do seu posto. Segundo explicou, o presidente Touriño encargoulle traer Europa a Galicia e tamén levar Galicia a Europa.
Biografía do artista
Alfredo Erias Martínez naceu en Abegondo (A Coruña) en 1954. Actualmente é arquiveiro e bibliotecario. Leva vinte anos dirixindo o Anuario Brigantino, unha das máis importantes revistas de investigación de Galicia, e é director do Museo das Mariñas en Betanzos. Ademais de diversos libros e numerosos traballos de investigación, Alfredo Eiras é autor da varios debuxos e gravados, entre os que se destaca Debuxos de Galicia, unha serie de láminas consagradas á historia da cultura e da arte de Galicia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.